José María Alonso, inspector xefe xubilado en Vilalba: «Non se pode ser un policía dos de antes»
VILALBA
Afima que a capital chairega é un sitio seguro e cre que tamén o seguirá a ser
04 abr 2023 . Actualizado a las 18:50 h.José María Alonso chegou a Vilalba en 1999. Daquela xa había trece anos que se aprobara a Lei de Forzas e Corpos de Seguridade (1986), que supuxo o paso o paso das antigas policías municipais ás policías locais. Máis ca cambios nos nomes, o que houbo, di, foron cambios no traballo: «Iso implica que agora a ninguén lle estrañe que a Policía Local de Vilalba investigue ou deteña por delitos (por perda da vixencia do carné, por alcoholemias, por condución temeraria...) ou teña encomendado o seguimento e protección de vítimas de violencia de xénero, por exemplo», di.
-É igual ser policía hoxe que hai 20 ou 25 anos?
-A lexislación que se vai aprobando (profusa, difusa e ás veces confusa) require a correspondente intervención policial. En consecuencia, os cambios resultan inevitables. Evidentemente, hai que renovarse ou morrer. A profesionalización das policías locais é unha permanente tarefa inacabada.
-Vese como un policía “dos de antes”? Refírome a unha persoa que coñece aos veciños, que fala con eles. Son cuestións de proximidade que poden axudar no traballo persoal?
-Procuro empatizar co cidadán, sen obviar que un policía sempre ten que cumprir e facer cumprir a lei. A evolución e o progreso, especialmente da normativa, xa non permiten ser un policía coma os de antes; hai que actualizarse de xeito permanente. Esa profesionalización, o incremento de competencias e funcións, a excesiva lexislación e a burocracia supoñen dedicar máis tempo a unhas tarefas en detrimento doutras. Todo ten vantaxes e inconvenientes, e por diversas circunstancias, ultimamente, carecía de tempo para falar tanto coma antes. Probablemente moitos lembrarán que antes as patrullas das policías locais eran polo xeral dunha soa persoa e a pé; agora fanse en parella e en vehículo, coma noutras forzas e corpos de seguridade. Evidentemente, o contacto persoal é menor, pero a información e as demandas son maiores.
-Vilalba é un sitio seguro, ou iso parece. Sen ser adiviño, pensa que pode seguir así?
-Considerando que hai unha excelente coordinación entre as distintas forzas e corpos de seguridade (Garda Civil, Policía Nacional, Policia Autonómica e Policía Local) e que seguirá nesa mesma liña, eu estou convencido de que Vilalba seguirá sendo un lugar seguro e apracible.
-Cal pode ser a clave desa seguridade?
-Concorren diversos factores positivos, entre os que hai que significar esa coordinación entre as corpos e coa Xustiza, pero sen esquecer que a clave esencial radica no elevado civismo do pobo de Vilalba. A seguridade é un mérito colectivo, porque a iso contribuímos todas as persoas e colectivos cada día, empezando pola familia, en calquera das súas modalidades, o persoal docentes, os medios de comunicación e toda a sociedade en xeral.
-Que necesita a Policía Local dun concello coma o de Vilalba. Máis xente? Máis medios?
-En xeral a Administración necesita creatividade para preservar e incrementar o servizo prestado a custos razoables: hai que conseguir facer máis con menos gasto. Para prestar o mellor servizo policial ao cidadán, o xefe dun corpo policial, loxicamente, demanda máis recursos humanos e máis medios materiais, como sucede noutros ámbitos da Administración. Pero tamén temos que ser conscientes de que os recursos económicos son limitados e non se pode incrementar o gasto público ata límites insostibles. A nivel teórico, case utópico, penso que as Policías Locais de Galicia deberian afondar moito máis na súa coordinación, tendendo no futuro a integrarse ou asociarse e procurando funcionar como un único corpo. Para iso é imprescindible a colaboración das administracións, particularmente dos concellos, dado que a Constitución garante a autonomía municipal.
-Vaise contento da relación cos políticos, cos compañeiros e cos veciños?
-As excelentes persoas que me permitiu coñecer o feito de estar tantos anos no posto de inspector xefe da Policía Local de Vilaba son o que máis lembrarei. Evidentemente, nelas están incluídas todas as persoas citadas na pregunta e moitas outras. Só me quedan lembranzas positivas. Nunca me cansarei de amosar o meu agradecemento e o meu agarimo a todas as persoas coas que compartín unha gran parte da miña vida e a un gran pobo que me cativou para sempre.
-Cal foi o peor momento? E o mellor?
-O peor momento foi durante a pandemia, que implicou una enorme restrición dos dereitos e liberdades dos cidadáns, algo do que eufemisticamente poderiamos dicir que roldaba ambiguamente o límite da constitucionalidade. Resultaban esperpénticos algún dos controis policiais realizados nunhas rúas baleiras durante a pandemia, porque a xente estaba confinada nos fogares, só saía o estritamente necesario e pola tarde recoñecía con aplausos un traballo sanitario e policial ao que ten dereito. O mellor momento, para min, era cando se prestaba servizo policial durante as 24 horas os 365 días ao ano. Lóxicamente, iso permitía recibir chamadas e prestar servizo en todo momento.
De preto
Orixe. José María Alonso naceu en Valboa (Trabada) en 1961.
Evolución. Estudou Maxisterio en Lugo. Traballou de condutor e de profesor, foi funcionario e pertenceu á Policía Local de Ribadeo.
Traxectoria. Dende 1999 foi inspector xefe en Vilalba.