Sabela Figueira, profesora de Vilalba: «Lendo en galego pódense gañar premios estatais»
VILALBA
É unha das responsables do club de lectura do IES Basanta Silva, recoñecido polo Ministerio de Educación
28 feb 2024 . Actualizado a las 20:28 h.Ler pode ser unha obriga, un pracer ou as dúas cousas. No IES Basanta Silva, de Vilalba, pode ser as dúas cousas, pero coa particularidade de que a literatura que se cultiva como afección ten dado un valor engadido: o centro foi recoñecido este ano polo Ministerio de Cultura polo seu club de lectura, do que fan parte alumnos e tamén veciños do concello. A profesora Sabela Figueira é unha das responsables.
-É necesario un clube de lectura para espallar o amor polos libros?
-Creo que si. A literatura está presente no currículo, na formación regrada; aos rapaces póñenlles notas... .Un club ten outro criterio. Na asignaturas os libros van encamiñados á lectura, si, pero os rapaces teñen que desenvoler unhas destrezas. Aquí lese porque gusta.
-Fuxindo de tópicos, aos rapaces, pois, gústalles ler.
-Penso que si. Os rapaces len: noutro tipo de formato, pero gústalles ler. Len o que lles gusta, non o que se lles manda.
-Participar nun club de lectura supón una gratitude?
-Si. Os rapaces non teñen un exame, coma no resto de materias. Aquí lese porque apetece, compártense experiencias, e o profesorado tamén participa niso. Temos dividida a actividade, porque somos arreror de cen persoas e cun número moi alto de xente non sería operativo. Hai grupos por cursos, tamén un de Francés e outro de adultos. Temos xente de Vilalba que se apuntou ao club de lectura de adultos, e hai rapaces que rematan segundo de Bacharelato e queren pasar ao club de adultos.
-Que enriquecemento lle dá a un profesor participar nun club de lectura?
-Gozas con este traballo e achegas o teu gran de area para que os rapaces se afeccionen á lectura. A lectura é unha aprendizaxe para a vida.
-Que achega un libro de papel no tempo das pantallas?
-Achega moito. As pantallas dan esa característica de inmediatez. Un libro abre unha porta máis alá. Non é mellor unha cousa ca outra, pero os libros, se cadra, afeccionan á lectura un pouco máis.
-Se un rapaz se afai a ler, segue sendo lector despois?
-Non o sei, pero sempre lle queda aí esa posibilidade. O libro é unha oportunidade para o coñecemento e unha ferramenta para a vida. Un libro dá tamén un pouso cultural que non se ten se non se le. Non hai por que ler só en papel: hai libros en formato dixital, e o papel e a pantalla non teñen por que ser incompatibles. Temos un grupo de Telegram que nos serviu para manter a actividade do club durante a pandemia. Creouse tamén un roteiro literario baseado en Agustín Fernández Paz [escritor que naceu en Vilalba e que dá nome ao club] e na obra «Aire negro»]: vai por lugares nos que transcorre a obra: Vilalba, Lanzós, San Simón da Costa...
-Cansa a xente ou mantense o entusiasmo?
-Mantense, sempre van xurdindo novidades. Ás veces, si é certo que que, por exemplo, os rapaces de segundo de Bacharelato están un pouco apurados; pero o club é algo voluntario: anímase aos rapaces a leren, pero se non rematan un libro, non pasa nada.
-Dá moita satisfacción recibir un premio por unha iniciativa coma esta?
-Claro que dá. As obras que lemos están escritas en galego ou traducidas ao galego, pero tamén traducidas ao castelán. Lendo en galego pódense gañar premios estatais. Está claro.
Unha presenza importante de Agustín Férnández Paz
Agustín Fernández Paz (1947-2016), nome importante de literatura galega contemporánea, non só está presente no club dándolle nome. Para os rapaces de primeiro da ESO que pertecen ao club, é obrigatoria a lectura da obra gañadora do premio Fernández Paz, que se convoca en Vilalba. Por outra banda, Sabela Figueira comenta que «Farenheit 451», de Ray Bradbury, é unha obra que causou especial impacto nos membros do club.
O club ten unha reunión por trimestre, e en cada un lese unha obra, cambiando polo xeral de xénero en cada un. Pero a actividade vai máis alá da lectura, pois, por exemplo, elaboráronse postres que aparecen nunha obra de Ledicia Costas lida no club, «Escarlatina, a cociñeira defunta», e organízase unha excursión de fin de curso: a deste ano tivo como destino as illas Cíes.