«Perdín as eleccións; algo fixen mal e apártome»

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría palacios VILALBA / LA VOZ

XERMADE

Di que o PP queda en boas mans baixo a coordinación de Antonio Riveira, en quen amosa confianza

02 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Pecho unha etapa». Tomás Rodríguez, ex alcalde de Xermade, vén de renunciar como concelleiro. Con 63 anos, que semellan ben levados aínda que el di que «a procesión vai por dentro» sen perder o bo humor, 12, os que foron do 2003 ao 2015, estiveron dedicados á alcaldía. Nas eleccións do ano pasado o PP perdeu a maioría absoluta e mesmo foi superado en votos e en concelleiros polo PSOE, que goberna neste mandato, no que Rodríguez exerceu como voceiro na corporación durante varios meses.

-¿Custoulle traballo tomar a decisión despois de tres mandatos de actividade municipal?

-Son 12 anos. Ese aspecto da política sempre o tiven claro: non podía estar sempre. Perdín as eleccións; algo fixen mal, apártome e punto.

-¿Foi para vostede un trauma ter que tomar unha decisión desas características?

-Non. Que va. Por favor... Ao contrario. É un paso que dou e punto. Non me supuxo nada en particular. Si digo que non me fastidiou perder as eleccións, minto: se te presentas, preséntaste para gañar. Pero pasou e xa está.

-¿Como reaccionaron os outros concelleiros [hai outros tres máis no grupo municipal] á súa decisión?

-Expliqueilles a miña decisión: non me volvería presentar, e o seguinte ten que facer o seu equipo. Quedan tres anos aínda, pero o tempo pasa.

-Suponse que Antonio Riveira, que xa foi concelleiro con vostede no goberno, levará dende agora o peso do partido. ¿Pódese dicir que queda o PP de Xermade en boas mans?

-Si, totalmente. Teño total confianza nel. Hai ademais outra cousa. Na campaña non o dixen, pero a familia sabíao: tiña pensado estar só a metade do mandato e deixalo; estaba mentalizado.

-Se analiza estes doce anos de alcalde, ¿que foi o mellor desa etapa no Concello?

-O mellor foi a relación que tiven cos veciños, con todos.

-En Xermade non se dan arredor da política as tensións que si aparecen, ás veces, noutros concellos.

-Xermade non é un concello de grandes tensións políticas. Nun concello de 2.000 habitantes e zona rural como é Xermade, hai un abecé: hai un presuposto concreto, e tes que facer o que se pode. Hai unha pequena marxe, o reparto do orzamento como mellor lle pareza ao alcalde de turno; pero nada máis. Hai rifirrafes, pero tamén é lóxico: se non as houbese, aburriríaste.

-Se volvemos a eses doce anos, ¿que foi o peor?

-O estado da LU-170 [estrada que vai de Trasparga (Guitiriz) a Cabreiros (Xermade) e que se arranxou, xa na década pasada, de Trasparga a Momán (Xermade)]. Sen dúbida. Temos falado moitas veces dela. Para chegar á capital do concello dende a rotonda de Cabreiros, xa ves como está. Non cabe dúbida de que esa obra dinamizaría moito o concello. Toco madeira; pero creo que aínda que sexa despois de min e e eu non estea na alcaldía, a obra hase facer.