Transporte, transición enerxética e impostos: si, pero con cabeza

Xavier Labandeira OPINIÓN XAVIER LABANDEIRA

MERCADOS

23 dic 2018 . Actualizado a las 04:45 h.

Transición xusta: poucas expresións se teñen feito tan populares de forma tan repentina. Os chalecos amarelos franceses fixeron que se convertese nun tema central nos círculos do recente cumio climático en Katowice, e os políticos do noso país úsana de forma profusa cada vez que queren defender un sector problemático ambientalmente, desde centrais térmicas de carbón á frota dieselizada de vehículos e sectores contiguos. Pero, que é realmente unha transición xusta?

Partamos de varios feitos. O sector transporte, e particularmente o maioritario diésel en boa parte da Europa, contribúe de forma substancial ao problema do cambio climático e, sobre todo, aos moi importantes efectos da contaminación local sobre a saúde. E a evidencia académica coa que contamos mostra que ambos os problemas afectan particularmente ás persoas con menos recursos económicos porque xeralmente viven nas zonas máis contaminadas, e porque non teñen medios para adaptarse aos problemas ambientais. Así que combater unha inxustiza coma esta, a través de políticas correctoras, garante unha transición xusta. E, non obstante, os efectos distributivos negativos desas mesmas políticas ambientais levan monopolizando o debate moitos meses e supoñen unha barreira formidable para a súa supervivencia: a suba da imposición sobre os carburantes acaba de aprazarse en Francia e o Goberno español xa hai tempo que non menta este tema.

Sigamos cos feitos. Sabemos que hai unha crecente desigualdade da renda e da riqueza e que temos alternativas directas para enfrontala: impostos directos sobre a renda e a riqueza, acceso á educación... Neste senso, a evidencia académica apunta a que os impostos dos carburantes non son particularmente regresivos; de feito, menos ca outras opcións moito máis populares neste eido, como estándares de emisión ou prohibicións de acceso ás cidades. Tamén sabemos que reflectir nos prezos dos produtos os danos ambientais que causan, por exemplo a través de impostos, consegue facilitar o cambio a grande escala porque move condutas e investimentos.

Con todo, e isto é particularmente certo no caso do transporte rodado, tamén sabemos que é necesario ter moito máis ca impostos sobre carburantes para avanzar na transición: alternativas de transporte público, infraestruturas axeitadas de carga de vehículos eléctricos...

Tentemos unir todo o dito para precisar algo máis sobre a transición xusta no ámbito do transporte, particularmente en relación coa fiscalización. Primeiro, non tentemos solucionar todo con estes impostos: a desigualdade estrutural ten que abordarse por outras vías, e hai que introducir moitas outras medidas para facilitar o necesario cambio no transporte. Con todo, non podemos sacrificar estes instrumentos fundamentais para a transición, maiormente os seus incentivos para renovar a frota, por seren percibidos socialmente como inxustos. Para iso convén, probablemente, aplicar un paquete distributivo contundente dentro e fóra destas figuras impositivas.

Dentro, mediante a compensación do sobrecusto pagado para aqueles afectados que contan cun baixo nivel de renda e/ou non teñen alternativas de adaptación por viviren no rural, por exemplo. Fóra, mediante o establecemento de subvencións para facilitar a adaptación: axudas e/ou bonificación financeira para a compra de vehículos limpos; investimento en transporte público e infraestruturas de apoio á mobilidade sen emisións... Dous comentarios finais: as compensacións han de dirixirse a quen as precisa realmente, evitando subvencións xeneralizadas que poden acabar favorecendo os niveis de renda máis altos (caso de España coa compra de vehículos eléctricos); e a recadación destes impostos pode ter como finalidade fundamental ese tipo de programas, reforzando así a súa aceptación social e viabilidade financeira.