«Para que os galegos poidan retornar habería que mellorar as condicións laborais»
Silvia Fernández reside en Munich dende o 2016 e aínda que lle gustaría regresar a Galicia cre que as axudas para voltar non son efectivas a longo prazo
Natural de Trazo, provincia da Coruña, Silvia Fernández (28 anos), deixou Galicia no 2009 para estudar en Madrid un grao en Dereito e Economía, e dende aquela pasou por varios destinos. Viviu un ano en Estados Unidos, en Los Ángeles, volveu logo a Madrid e no 2016 outra vez para marchar: saíulle unha oportunidade para estudar un Máster en Economía Cuantitativa na Universidade de Munich onde reside actualmente e cursa un doutoramento, e dende onde viaxa periodicamente a Bangladés polo seu traballo.
Aínda que nun primeiro momento decidiu deixar atrás Galicia para poder estudar, foron as condicións laborais e académicas que lle ofrecía Alemaña («que son fantásticas») e a calidade de vida da capital as que a impulsaron a emprender o camiño como migrante. Ao comezo, explica, o seu máster, ademais de ser de balde, incluía un contrato laboral como asistente de investigación.
É esa posibilidade de desenvolverse no campo da investigación é unha das cousas que máis salienta sobre vivir fóra: «A universidade está no centro e os recursos cos que conta son fantásticos con fondos para investigar, asistir a conferencias e con profesores de todo ou mundo visitando cada semana», sinala.
Máis aló das posibilidades profesionais, a súa experiencia no estranxeiro foi tamén enriquecedor, afirma Silvia, non só porque lle permitiu coñecer outras culturas, senón tamén porque puido ver como o seu traballo pode ter un impacto real e inmediato en persoas que o necesitan.
Segundo relatou á Voz, a súa investigación céntrase actualmente en temas de xénero e en como o empoderamento das mulleres pode ter un impacto tanto no desenvolvemento individual como no familiar. Por exemplo, como parte do seu doutoramento Silvia colabora nun proxecto da onegé BRAC, unha das maiores organizacións non gobernamentais no mundo, para mellorar as condicións de cobertura médica nas mulleres artesás que confeccionan produtos para o mercado local en Bangladés. Nese sentido o seu traballo consiste en estudar como o acceso á saúde para a muller e, a través dela para as súas familias, cambia a forma na que a ven os seus pais ou maridos, leva a que teñan máis información sobre as enfermidades e mesmo a que poida diminuír a natalidade, como consecuencia da baixa na mortalidade infantil.
Por outra banda, colabora para unha ONG de Nova Zelandia investigando achega do estigma que teñen as mulleres con respecto á menstruación, que é considerada un tabú, e como se podería cambiar esa percepción para evitar os efectos secundarios de enfermidades no sistema reprodutivo por utilizar panos de tea pouco hixienizados, no canto de toallitas adherentes ou algún outro método.
«Saber que o que estás a facer está a axudar a alguén que o necesita e que ten un impacto real, é moi gratificante», asegurou Silvia.
Galicia segue sendo de todos os xeitos para ela o seu « fogar» e onde se atopa a súa familia. É por iso que nun futuro, afirma, gustaríalle volver.
Con todo, non cre que as axudas para retornar sexan efectivas, sobre todo a longo prazo. «Para que os galegos poidan quedar ( ou retornar) o que habería que facer é mellorar as condicións laborais. Dar potencia investigadora ás universidades galegas, para que os investigadores galegos queran traballar en Galicia, dar apoio fiscal aos autónomos de toda a vida e aos emprendedores na comunidade para que xeren emprego de calidade», asegura Silvia. Medidas que ao seu entender non axudarían só a quen quere regresar, senón tamén para evitar que máis persoas sigan marchando.