Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Adeus a Jaime Mateo, un home bo e xeneroso ao que lle quedaba moito por dar

Carlos Rego

OBITUARIOS

Jaime Mateo, músico ourensano
Jaime Mateo, músico ourensano cedida

O músico ourensán finaba este domingo, aos 41 anos, tras sufrir un infarto

20 dic 2021 . Actualizado a las 18:25 h.

Din que as malas noticias viaxan rápido. Na tarde do domingo as chamadas telefónicas chegaban cargadas de incredulidade e tristeza. Aínda que resultaba difícil de crer, o final resultou certo que Jaime Mateo falecera esa mañá. Se calquera morte dunha persoa no mellor da súa vida é inxusta, a de Jaime déixanos sen un activista cultural deses que fan cidade sen facer ruído, deses que escollen facer e non aparecer. Coa bonhomía e a modestia como marcas persoais, empezou no teatro e non tardou en facerse un nome na escena musical local. O mesmo facía radio que de DJ, como músico pasou pola Lamatumbá e con parte deles formou O Sonoro Maxín, tocou con Emilio José e Os Indígenas e últimamente colaboraba en proxectos arriscados como Mounqup ou Las Cruzes.

Jaime Mateo, a la derecha, en una actuación en Ribadavia
Jaime Mateo, a la derecha, en una actuación en Ribadavia Santi M. Amil

Curioso por natureza, o seu gusto non coñecía de fronteiras, estilos ou manías, e o seu talentazo como músico e compositor brillaba especialmente, que difícil resulta escribir isto en pasado, en Os Amigos dos Músicos, un deses raros grupos locais que transcende os límites da cidade. Daba gusto velo detrás da batería mantendo estiloso o tempo da banda ou facéndose cargo da voz principal nas súas cancións. A nós quédanos iso, a súa música (agora mesmo soa «Pavillón dos Remedios»), o seu rastro bo e xeneroso e a tristeza de pensar que con 41 anos aínda lle quedaba moito que dar.