Parabéns, compadre!

Xosé M.ª Arán

OBITUARIOS

IN MEMORIAM | Un recordo a Pedro Luís Fernández Pombo, falecido a pasada fin de semana, e que hoxe cumpriría 55 anos. Escribe Xosé María Arán 

06 feb 2022 . Actualizado a las 20:19 h.

Hoxe é o aniversario do meu compadre Pedro Luís Fernández Pombo e, como todos os anos desde que nos coñecemos, toca facer unha paradiña para fecilitalo. Cúmprense 55 anos da túa chegada a este mundo, unha nova que sen dúbida encheu de ledicia a túa casa; podo imaxinar as caras de amor dos teus pais, Pedro e Visita, da túa queridísima madriña, Estrella, e mesmo podo intuír a ilusión da túa irmá, Estrella, se ela tivera chegado antes ca ti. Levo días dándolle voltas a todo o que vivimos xuntos, a soas, para deixar que as bágoas axuden a desafogar e comprender o que o meu corazón e a miña mente se negan a aceptar.

Négome a falar de ti en pasado, porque para min sempre serás presente. Formas parte da miña familia, como ben saben os que ben me coñecen. Eu teño dous irmáns: Luís, presente no libro de familia, a familia que me tocou, e ti, Pedro, presente no libro do corazón, no da familia que eu escollín.

Levo uns días enfadado, bueno ti xa sabes… Non te vexo, non me chamas… Isto vese compensado porque leo na prensa, en redes e escoito que falan moito e moi ben de ti. Non me estraña. Como falar doutro xeito dun bo e xeneroso?

Non é a miña intención hoxe recordarlle a ninguén as túas achegas culturais, sociais, musicais, políticas,… entre outras cousas porque sería, sen dúbida, unha ardua tarefa. Hoxe, e todos os anos que nos queden, porque mentres eu viva ti vivirás en min, só quero dedicar esta felicitación ó meu amigo, ó meu compadre, ó meu irmán, para desexar que teñas un bo día, permíteme estender a felicitación ó resto da familia, en especial a túa dona, Marité, e o teu fillo, Pedro.

Recibe tamén unha aperta da túa familia de corazón, a miña, en especial da túa afillada Andrea, que garda como un tesouro as últimas verbas que mantivo contigo. Míroa e vexo, tamén, que sempre vivirás para ela.

Bueno, Pedriño, non me enrollo máis, que contigo é doado comezar, pero nunca sabe un como e cando rematar. Seguiremos en contacto coma sempre, buscareite onde sei que ti estás, onde estiveches e estarás para sempre.

Por moitos anos máis, lembra que coma sempre, o venres falamos.

Saúdos.