Adeus a Rubén Casais Barral, o mariñeiro que navegaba os montes na cuberta dunha bicicleta

OBITUARIOS

Extravertido e «moi querido» por todos, Rubén pinchou no Bubú e quixo ser concelleiro
11 may 2023 . Actualizado a las 21:05 h.Perder un veciño deixa sempre unha ausencia entre os que o ven partir. Cando acontece con alguén de 51 anos, e cheo de tanta vida e boas vibracións coma Rubén Casais Barral, o baleiro énchese dunha mestura do pouso amargo pola perda e os recordos alegres dun home extravertido que se gañaba o cariño de todos coa súa forma de ser. Así describen a Rubén varias das persoas que, sen ser da súa familia, tiveron o pracer de coñecelo e, nalgún caso, de chamarse amigos de quen perdeu a vida na tarde deste martes facendo o que máis lle gustaba, correr polo monte subido nunha bicicleta.
Fillo de mariñeiro, mariñeiro foi tamén Rubén. Propietario dun barco pequeno co que vivía do raño e do trambolín, soubo repoñerse dun afundimento en Carril que lle obrigou a remontar unha durísima marea para a súa economía doméstica. O mar que alimentou a súa familia cobroulle un alto prezo aos Casais, que seguen chorando a perda de Guillermo, curmán de Rubén desaparecido na traxedia do Sin Querer 2.
Pinchadiscos ocasional no desaparecido pub Bubú, apaixonado dos Suaves, Rubén quixo poñer a súa afabilidade ao servizo de todos os seus veciños, nas candidaturas de Somos Cambados ás eleccións municipais do 2015 e 2019. «Era un home de mar e moi boa persoa. É unha pena para a familia e para o pobo de Cambados. Botaráselle moito de menos», di o edil de Somos Xurxo Charlín.
Pero se algo lle ilusionaba facer a Rubén era o enduro, unha modalidade do ciclismo de montaña a medio camiño entre o BTT e o descenso. Unha afección que practicaba nas filas do Armenteira e Punto, nas que encontrou en José Ramón Villanueva, Monso, un amigo ao que lle custaba manter a voz que falaba por todo un club: «Ante todo, era unha gran persoa, moi amigo de todo o mundo, moi querido, moi querido». Un aprezo que salientou o propio alcalde de Cambados, Samuel Lago, quen lle trasladou as condolencias do Concello á familia do finado, como antes o fixera o C.J. Cambados, o club do seu neno Samuel.
