Lembranza de María Teresa Rodríguez Taboada, «unha grande dama do ensino»

María Rosario Soto Arias A CORUÑA

OBITUARIOS

María Teresa Rodríguez Taboada
María Teresa Rodríguez Taboada Cedida

Entrou a formar parte do claustro do instituto Eusebio da Guarda no 1967, e aí se xubilou no 2002

17 ago 2023 . Actualizado a las 11:00 h.

Deixounos María Teresa Rodríguez Taboada (Ourense, 1941), catedrática de Lingua Castelá e Literatura no coruñés Instituto Eusebio da Guarda. Entrou a formar parte do seu claustro en 1967 e aí se xubilou en 2002. Compartiu labores de xestión (foi secretaria do centro na década de 1970 baixo a dirección de María Muruais e vicedirectora no equipo de Rafael Amate, período este no que organizaría maxistralmente os actos do primeiro centenario do Instituto da Guarda) cos labores docentes. Foi unha grande dama do ensino. Posuía as virtudes que fan dun ser humano un excelente docente: voz fermosísima, clara, ben entoada, con dominio da oratoria; boa presenza, donaire; coñecementos sólidos e, sobre todo, dozura, cariño por nós, os discentes, e amor polo traballo ben feito. A Providencia non lle concedeu fillos: o alumnado ocupou no seu corazón ese lugar. Entre as súas exalumnas figuran filólogas coma Concepción Delgado Corral e Carme López Taboada; poetas como Pilar Pallarés e María Luisa Villalta; personaxes da vida política como Isabel García Vila, etc.

María Teresa tivo excelentes compañeiros: Ana María Álvarez Pellitero, Tomás Barros, Felipe Criado, V. García de la Concha, Pilar García Negro, Gloria de Llano, Chelo Mariño, Antonio Meijide... Con todos experimentou sempre a idea de formar parte dunha gran familia. Amou os seus. Recordamos dela estas verbas que a súa nai, farmacéutica, lle transmitiu: «a muller debe estudar para ser libre e a única liberdade que realmente importa é a económica». Amou A Coruña, onde foi feliz co seu esposo, e creu sempre en Deus. Que El a teña no seu seo.