
No seu traballo destacou como estudoso das raíces de Galicia
03 jul 2024 . Actualizado a las 16:14 h.«Un labrego da cultura»: así definía a nosa compañeira Tamara Montero a Justo Beramendi (Madrid, 1941), que na pasada madrugada faleceu en Santiago de Compostela repentinamente. Beramendi era un galego por elección que dedicou boa parte do seu tempo a robustecer as raíces que hoxe sosteñen Galicia. Por iso, hai un ano o Museo do Pobo Galego concedeulle a súa insignia de ouro, a máxima distinción dunha institución cultural na que estivo presente dende o seu xermolo, dende a idea da súa creación ata en cargos de xestión. O historiador tamén estaba en posesión dunha medalla Castelao e fora gañador do Premio Nacional de Ensayo no 2008, entre outro moitos galardóns. No ano 2019 recolleu o premio Fernández Latorre, de La Voz de Galicia, outorgado ó Museo do Pobo Galego do que él era nese momento presidente.
Do padroado do Museo do Pobo Galego foi secretario (1976-1986), presidente da Xunta Reitora (2000-2011) e presidente dende o ano 2011 ata hai o 2022, cando desbotou presentarse de novo para así completar unha remuda xeracional que consideraba necesaria para a continuidade do proxecto. «Os meus posibles méritos son máis ben produto dun labor colectivo», dicía entón Justo Beramendi nunha pequena intervención na que remarcou que hai outras moitas persoas que dedicaron o mesmo tempo e con igual intensidade ca el ao Museo do Pobo Galego, persoas que «merecen esta insignia tanto ou máis».

Fundación Castelao
Justo Beramendi fixo estudios de Enxeñaría Industrial en Madrid (1959-1967), de traducción en Barcelona (1969-1974) e de doutorado en Historia en Santiago de Compostela (1987). Era catedrático de Historia Contemporánea da USC, da que foi vicerrector (1990-1994). Estaba xubilado desde o ano 2012. Era membro fundador da Fundación Castelao e director da sección de pensamento político da Fundación Vicente Risco. Participou na creación das revistas Negaciones (Madrid, 1977), A Trabe de Ouro (Santiago, 1990) e Tempos Novos (Santiago, 1997).
Durante a Transición, Beramendi militou no Partido Socialista Galego, xunto a Xosé Manuel Beiras, con que tiña unha relación moi estreita.

Co seu libro De provincia a nación. Historia do Galeguismo político gañou o Premio Nacional de Ensayo no 2008. Era unha obra en galego que non fora traducida ó castelán e que xa recibira o Premio da Critica de Galicia.
Os restos mortais de Justo Beramendi eran trasladados de madrugada ao complexo funerario Apóstol, no cementerio de Boisaca. O xoves a capela ardente será trasladada ao auditorio do Museo do Pobo Galego e estará aberta ao público desede as 10.00 ata as 13.00, hora na que comezará un acto cívico para recordar ao intelectual.