![Arsenio Alonso Araújo.](https://img.lavdg.com/sc/-rovJVwwSj3XSyNTkU71SZmMZVU=/480x/2024/07/08/00121720469222039894242/Foto/O_20240708_215848000.jpg)
O fundador da coral Voces e Cordas de Sobrado do Bispo foi tamén director da Banda de Celanova
09 jul 2024 . Actualizado a las 10:48 h.Este luns era despedido en Sobrado do Bispo (Barbadás) Arsenio Alonso Araújo. No mesmo lugar no que nacera o 9 de novembro de 1939. Vinculado dende novo coa formación musical do seu pobo, tivo ocasión de estudar música chegando a ser fiscornio solista na Banda de Música de Durango en Euskadi con 17 anos. Fundou na cidade da Coruña a Banda da 641 Comandancia da Garda Civil. Foi un músico de raza, apaixonado do pentagrama e tivo unha forte vinculación coa vila de San Rosendo. Entre 1988 e 1994 foi o director da Banda de Música Municipal de Celanova e trala súa marcha seguiu vinculado a localidade ao converterse en director da Coral Solpor, posto que ocupa hoxe unha filla súa, Mery Alonso Iglesias. Do seu paso pola centenaria formación de Celanova quedou un traballo discográfico e un labor aínda hoxe visible. Unha vida caracterizada sen dúbida polo seu amor e dedicación á música na que tivo ocasión de percorrer toda Europa coa batuta.
O actual director en Celanova, Miguel Pérez Lorenzo, mostraba o seu pesar polo pasamento e destacaba a enerxía e ilusión de Arsenio Alonso por fomentar a música entre os máis novos, defendendo a Escola de Música que chega a actualidade grazas ao traballo de moitos, entre eles a Arsenio Alonso.
![Arsenio coa súa filla Mery nunha foto recente.](https://img.lavdg.com/sc/hLKFzrin-br7FrJcfaNnppcHyZM=/480x/2024/07/08/00121720469161736966370/Foto/O_20240708_215852000.jpg)
Foi un músico moi comercial que soubo facer grupo cun traballo que segue presente nas formacións polas que pasou. Cómpre destacar o labor musical na súa terra natal como fundador da coral Voces e cordas de Sobrado do Bispo, Barbadás, subdirector da coral polifónica Orfeón Unión Orensana, e como director de bandas de música como a de Alongos ou Santa Cruz de Ribadulla (A Coruña).