Fernando Dacosta: «Disfrutar do que temos é a clave para levalo ben»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

CULTURA

14 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A verdade é que non se pode dicir, en xustiza, que Fernando Dacosta sexa hiperactivo, mais non para. A súa participación en Sarabela, a súa condición de responsable da Aula de Teatro Universitario do Campus de Ourense ou de director da Miteu, a súa faceta solidaria ou a implicación con moitas das causas a prol da cultura e da xustiza social fano un «fixo» en moitos dos proxectos que se promoven en Ourense. E todo iso co sorriso sempre como xesto característico, o mesmo cando o ves pasar en bici que cando a fume de carozo vai buscar aos rapaces ao parque ou ao colexio.

Fernando Dacosta coñece moi ben outras realidades e iso faino valorar na súa xusta medida todo o que lle dá a vida: «Disfrutar do que temos é a clave para levalo ben. A primeira vez que trouxemos un grupo de Guinea á Miteu alucinaban no hotel porque nunca viran saír auga da billa». Iso si, a Dacosta non lle pode o conformismo e o mesmo que disfruta ao máximo de todo o que fai e mantén o contacto cos amigos ou grupos de teatro de Palestina ou o Sáhara non baixa a garda: «Hai que expresarse e radicalizarse na defensa das liberdades, temos que defendernos dos depredadores dos poderes políticos e económicos para que non nos pase o que xa aconteceu neses países dos que estamos a falar».

Entre outras cousas, Dacosta está agora mesmo ensaiando con Sarabela as montaxes de Viaxe a ningunha parte (de Fernando Fernán Gómez)e A voar, espectáculo infantil, só perde o sorriso se lle mentas o Gaiás. «No escenario e disfrutando do meu traballo», confésase feliz.