NOTAS AO MARXE DO CENTENARIO DE NIETZSCHE

La Voz

OPINIÓN

ISAAC DÍAZ PARDO CRÓNICAS INCONFORMISTAS DA FIN DE SÉCULO

15 oct 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Friedrich Nietzsche nascera en Röcken, a vinte quilómetros de Leipizig, no 1844 e morreu en Weimar o 25 de agosto do 1999. Fica enterrado na tumba familiar de Röcken ao lado de seus pais e da súa irmá. Filólogo e filósofo, estudou en Bonn e en Leipzig. Dende 1869 catedrático en Basilea, que dez anos logo tivo que deixar por problemas de saúde. No 1889 sofre un colapso na Piazza Carlo Alberto, de Turín, que diagnostican como parálise progresiva, e morrerá tolo nos anos que lle restan. Trátase dun filósofo, cun lío de cousas, que con Marx e Freud son os que máis teñen influido no pensamento do noso tempo, dinamizando a conciencia de occidente. En Basilea traba fonda amistade admirativa co seu coterraneo Richard Wagner, amistade que logo se convertiu en odio cando veu que Wagner fixo o Tannhäuser, Tristán e Isolda, Sigfrido..., que o filósofo retrucou co Anticristo, Ecce Homo... e outras que non logrou rematar. Namentra o viraventos da sorte facía morrer a Nietzsche tolo e esquencido, Wagner, enchido de éxitos por unha realeza e burguesía que o admiraba, casado con Cosima, filla de Liszt, separada doutro home, morría nun castelo de Venecia. Logo da súa morte, a súa irmá Elisabeth Foerster-Nietzsche, testamenteira, buscando o favor do nazismo, axudada polos escritores vendidos, Rosenberg e Baeumler, van converter ao filósofo, que máis ben era un raro filo-comunista, nun filo-nazi, apoiándose no seu wille zur marcht, a vontade de poder no superhome que soñara. Cando Mussolini caeu en desgracia, antes do seu linchamento, Hitler envioulle as obras completas, manipuladas, de Nietzsche como para lle facer ver a súa debilidade. Nietzsche era, como Unamuno, un atrabiliario, pensador-poeta, marxinado da gran tradición filosófica por uns, e defendido por outros. Foron Joan Maragall e Unamuno quen o diron a coñecer na España. Fálase da influencia de Nietzsche no existencialismo e de que o espírito do 68 francés ten moito do seu alento. Nun tempo atribuíse a Picasso o de «eu non busco, encontro», mais logo viuse que iso estaba na obra do filósofo. Repudiou todo o establecido, incluida a moral cristiá, que se manifesta nesa obra fundamental Así falou Zaratustra, e Deus non llo perdonou. A partir dos anos 70 empezáronse a publicar na España libros sobre Nietzsche e a súa obra. Nos que eu coñezo, nin nos traballos que se publicaron nos xornais no centenario da súa morte, nin nas bibliografías deses libros, aparece referencia algunha ao publicado na España antes da Guerra Civil. Xa de antes da II República sei de dous libros con estudios de J.E. Muñagorri e de Luciano de Mantúa. E entre os anos 32/33 Aguilar publicou as obras completas de Nietzsche en 12 tomos traducidas polo profesor de filosofía da Universidade Central Eduardo Ovejero Maury, que ao parecer morreu no exilio mexicano pola súa militancia socialista. (A desmemoriación programada do franquismo, o maior crime do que é responsable, sería a razón desta amnesia). Pola mesma época aparecía outro libro sobre Nietzsche poeta (bromas, ardides y venganzas) postas en castelán por Francisco A. de Icaza, poeta e embaixador de México en Madrid, que polo ano 32 foi sustituido por Genaro Estrada, quen morreu no 37 en México e a súa viuva casou co exiliado malagueño Moreno Vilkla, que alá morría no ano 55.