OFICIOS RAROS

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

31 oct 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

O meu avó Herminio, que era un home tranquilo, pero cun humor xordo e ás veces vitriólico, un día, mentres estabamos sentados os dous á porta da casa, nunha tarde de verán, dixóme sinalando cara algunhas das vivendas do arredor: «Todas estas casas que ves aí diante fóronche feitas tirando os nenos contras os coches para cobrar os seguros». Supuxen que se trataba dunha broma, aínda que non cheguei a entender a intención. Con frecuencia, sen que se lle notase o tono de burla, soltaba cousas así, como unha noite que lle escoitei afirmar con toda seriedade que, cando el era neno, coñecera a un cura que chocaba os ovos como se fose unha pita, que se valía da sotana para darlles calor e que lograra tres poladas. Onte, un amigo que sufriu un accidente de coche e que tivo que levar un deses artefactos ortopédicos destinados a reparar as vértebras mazadas polos golpes, contoume que lle pagaron máis de cen mil pesetas polo incordio e que, con ese motivo, chegou a entrar nun mundo do que non sospeitaba sequera que existise. De pronto, ó escoitar os casos que el me ía referindo, tirei a conclusión de que aquelas palabras do meu avó, máis que unha broma, podían ser a descripción exacta dunha realidade nada fantástica. Polo visto, segundo este amigo meu, que citaba ó procurador dunha casa de seguros, hai en Vigo un señor que se dedica a tirarse contra os coches como medio de vida. Traballa xeralmente en garaxes e aparcamentos, observa os automóviles que van saír, situáse detrás, e no momento oportuno cae dun xeito aparatoso, sempre con algunha lesión controlada, imprescindible para gañar unhas pesetas, pero sen expoñer demasiado a saúde. Está claro que se trata dun caso típico de picaresca, aínda que tamén se podería ver como un esperpento. Tampouco habería que excluir nesta ocasión un verso de Félix Grande, no que se lamenta de que o pan, para algunhas persoas, é unha instancia difícil de aprobar.