UNHA SINXELA MOCIÓN DE REGUEIFA

La Voz

OPINIÓN

LA MOCIÓN DE CENSURA ARTURO LEZCANO

21 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

A Oposición ten o deber de se opor. Entre nós o Bloque é o primeiro partido da Oposición. Logo o Bloque ten o deber de censurar sempre en Galiza. Mais de apresentar un moción de censura só ten o dereito, non o deber. Un pouquiño de divulgación, mínima e xa que logo incompleta, non virá mal. Con frecuencia, mesmo nos media, confúndese moción e cuestión. Cando un Governo reta a unha cuestión de confianza é que está a sair do tranzo con maior afouteza. En cambio se non pode falar nunca de cuestión senón de moción se do que se trata é de censurar unha xestión executiva. Na práctica inveterada do parlamentarismo afinouse moito através dun par de séculos. Xa que logo arbitrouse a fórmula da Constitución da República Federal Alemana, aproximadamente incorporada pola vixente carta magna española. Segundo estas hai que propor un candidato a chanceler -ou presidente de Governo- e ter prevista unha alternancia primeiro traducida en escanos e logo nunha administración viábel, quer monocor quer de coalición. Ningún destes requisitos dase na moción de censura do BNG, pois o PSOE de Galicia non a asina nen apresenta outra propria, malia os cantos de serea do Beiras. Paralelamente en Euskadi si houbo mocións de censura, se ben tampouco forzaron o anticipo das eleicións. É ben certo que a fonda amizade co Xosé Luís Barreiro fornece ao Beiras de experiencia. Non obstante ao dobre vicepresidente saíanlle os números mais ao Beiras non lle cadran. Asi que se a moción de censura do Bloque pretende ser o estralo de saida para o último tramo da longa carreira preeleitoral, parece abondo cedo. Anque, segundo o resultado da regueifa, tamén poderia ser tarde de máis. O presidente da Xunta, como o lehendakari, han convocar os comicios cando coiden que lles convén. Momento ideal para gañar unha cuestión de confianza ou unha moción de censura directas- ou de perdelas-, con todas as consecuencias.