XOSÉ CARLOS CANEIRO BARCO DE PIRATAS
19 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Dispoño de numerosas alternativas para a singradura deste barco pirata. Dende o alcalde de Ribadumia ata a publicación do nome dos maltratadores domésticos, esa tropa de miserables. O comentario sobre tales asuntos resulta obvio. O alcalde popular cometeu un erro, pobre. Certamente, todo o mundo ten dereito a equivocarse. E os políticos, eses seres ocupados, máis que o resto dos mortais. Unha equivocación non debe manchar o currículum áureo deste vástago do Pepé. Que va. Creo que logo do arrepentimento debe regresar á política. O cidadán ha de seguir votando por el. Con maioría absoluta, evidentemente. Este país vota Pepé, e seguirá votando Pepé pase o que pase, golpe a golpe (magnífico Robert Redford na película do mesmo título). Xa o dicía o magno Borges no prólogo de La moneda de hierro: «Pero tal vez me sea perdonado añadir que descreo de la democracia, ese curioso abuso de la estadística». A democracia, o mellor sistema posible, ten tamén os seus defectos. Porque, de non ser así, ¿como poderiamos interpretar que un pobo enteiro equivoque o seu sufraxio? ¿E o regreso dos condenados no desempeño do seu cargo político? Que os hai. E moitos. ¿Iso tamén é un defecto da democracia ou unha tara do ser humano votante que acepta e revota as súas políticas figuras inmaculadas? Aproveito o asunto para trasladarme a Castilla-La Mancha, reino onde o barón Bono dá exemplo de encono e limpidez. Que si, que publiquen a lista dos maltratadores canallas. Pero, carano, que de paso editen un boletín semanal co nome dos políticos farsantes, falsarios, delincuentes e a formación política á que pertencen. Que envíen á casa dos votantes españolitos as señas e datos dos malversadores. Porque postos a publicar hai que decidirse polo todo ou pola nada. España de charanga y pandereta. Profesionais políticos Cada vez desconfío máis dos profesionais políticos, cada vez síntome máis afastado de todos eles. ¿Que se pode esperar da política dun país que goberna un partido que se nega a negociar á irlandesa? Cecais conviría lembrar que os gobernantes están para resolver problemas. Lembrar que en Irlanda non hai paquetes bomba no correo dos periodistas. Que as balas e a dinamita xa non provocan pranto e traxedia. Pero Aznar, Arenas, falan das institucións. ¿Entenderán algún día que os cidadáns só piden solucións e non soberbia, inflexibilidade, demagoxia? E ademais ¿que pasaría se os vascos quixesen ser soberanos e independentes? Alá eles e alá co que eles crean (repasen resultados electorais con oitenta por cento de participación). ¿Acaso a victoria das ideas do PNV non é tan lícita como as aplastantes maiorías de Fraga? ¿Acaso a unidade de España, a Constitución, o Estatuto, valen máis que o futuro? Triste política, triste.