XESÚS ALONSO MONTERO
04 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.É o escritor, o gran escritor das terras do Deza, terras, xentes e topónimos moi presentes nas súas dúas novelas: Non agardei por ningén (1957) e Era tempmo de apandar (1980). A primeira, publicada en Buenos Aires, exiliado o autor, é o primeiro relato en galego sobre o tema da Guerra Civil, que o noso autor viviu moi dramaticamente. Nunha e outra novela abundan os elementos autobiográficos, razón pola cal as xentes e as paisaxes do Deza están moi presentes nelas. En Bandeira, patria do escritor, a Asociación Cultural Vista Alegre, patriótica e culta onde as haxa, proponse reivindicar con orgullo e dar a coñecer, polo menos na comarca, o nome e a obra literaria de Ramón de Valenzuela, escritor bastante esquecido, moi pouco tido en conta desde 1980, o ano en que morreu (ós 66 de idade). De feito, nestes 21 anos, o único xesto de estimación suscitado polo seu labor literario foi a edición, en 1989, por Modesto Hermida, en Xerais, de Non agardei por ninguén. A vida do republicano Valenzuela estivo sempre ó servicio de ideas nobres, desde os democráticos ata os do compromiso coa Galicia dos mellores homes do Partido Galeguista. Consecuente -e arriscado-, Valenzuela, soldado (á forza) do bando franquista, pasouse (en decembro de 1937) ó bando republicano, que era o seu. Xa finalizada a contenda pluscuamcivil, Valenzuela vivirá a experiencia dos campos de concentración (Argelés), a resistencia antinazi en Francia e as prisións franquistas (1940-1944). Xa en liberdade nun país sen liberdades, en 1949 emigra a Buenos Aires na compaña da súa muller, María Victoria Villaverde, quen, anos despois, na súa novela autobiográfica Tres tiempos y la esperanza, fará unha crónica dos conflictos xa novelados polo seu marido. Home do Partido Galeguista antes de 1937, home de confianza de Castelao nos anos da Guerra Civil, na Arxentina, en 1962, ingresa no Partido Comunista de España, «circunstancia -aclara Modesto Hermida- que en ningún momento lle minguou a súa convicción galeguista». Cónstame que Ramón de Valenzuela tiña vocación -e excelentes condicións- de profesor, de explicador, profesión que empezara a exercer en 1936. Xa ós 16 anos, nunha casoupa do seu pai, en Bandeira, organizou unha escola para adultos, escola na que tamén impartiu clases en galego, experiencia, certamente, inédita. En Buenos Aires foi profesor de Xeografía sen remuneración ningunha: por patriotismo cultural (como Blanco-Amor, Alberto Vilanova e outros). Vida exemplar, as autoridades políticas da súa comarca -malia a presión lexítima da Asociación Cultura Vista Alegre- non están interesadas en honrar unha rúa ou praza co nome de Ramón de Valenzuela, reticencia municipal que doe a moitos e abraia a todos.