O Ribeiro ten sido cantado, en non poucas ocasións, desde dentro, ou sexa, por voces do país. Entre os poetas vernáculos importantes, sempre hai que salientar dous: onte, Eladio Rodríguez González (1864-1949), do Ribeiro de Avia, e hoxe, Xosé Carlos Gómez Alfaro (1949), do Ribeiro de Miño. Don Eladio estivo de actualidade o ano pasado, pois foi o persoeiro das Letras Galegas, e Gómez Alfaro, que labra moi ben os sonetos ribeiraus co viño da súa inspiración, é unha voz cada vez máis recoñecida como poeta elexíaco. Pero non sempre o poeta da etnia, o que canta desde dentro, é quen descobre mellor as «esencias» e a excelencia do país; ás veces hai que oí-la voz de quen vén de fóra, do poeta forasteiro, que, non vivindo no milagre, advírteo mellor. Non sempre é así, pero, algunha vez, e así. Pensemos, por exemplo, nos poemas composteláns de García Lorca (en galego) e de Gerardo Diego (en castelán). Acaba de publicar Ediciós do Castro un denso e delicado poemario titulado Inmóvil tiempo de niebla , do que é autor José Luis Rodríguez Argenta, que, moi lonxe da Operación Triunfo (na que non hai poetas como letristas de cancións), é moi pouco coñecido entre nós, mesmo entre os letraferidos. Trátase dun escritor que ten obtido moi importantes premios de poesía, entre eles o Boscán (Barcelona, 1973), o Francisco de Quevedo (Madrid, 1976) e o Fray Luis de León (Cuenca, 1980). O poeta, devoto da palabra pura, vive en Madrid lonxe das berafundas da publicidade e doutros ruídos. Ás veces, viaxe á procura do latexo íntimo doutros espacios, e nunha destas viaxes chega a Galicia, sobre todo a Ribadavia e ás terras do Ribeiro. Xa aquí, a súa musa, sempre atenta ás realidades que inspiran a intimidade do poeta, debrúzase sobre paisaxes, ríos, monumentos, lugares...: o río Avia, a igrexa de San Xoán de Ribadavia, o convento de San Clodio, o viño tinto ¿e o branco¿ do Ribeiro, a chuvia en Esposende, o cruceiro de Osmo, o curuto de Pena Corneira... Cómpre aclarar que este poemario ábrese con catro versos en castelán de Rosalía de Castro, versos que o noso poeta asume. Tense dito ¿Azorín, entre outros¿ que a paisaxe é un estado de alma, regra que preside estes poemas galegos que non son externamente paisaxísticos nin descricionistas. As Galicias cortexadas por este viaxeiro que é poeta arríncanlle versos coma estes: «Quiero / llegar a Galicia un día / y quedarme allí / en lo eterno, / en el tiempo inmóvil de piedra, / para morir en Galicia... / Galicia tiene la puerta / del misterio / del más allá, del otro mundo / y la abren los gallegos / cada vez que se ponen tristes / y se van a los recuerdos». Neste libro, Inmóvil tiempo de niebla , José Luis Rodríguez Argenta, viaxeiro de excepción, ó porse en contacto con certas realidades (viñedo, río, cruceiro...) non conta esas realidades, conta a súa reacción espiritual. Os poetas que son poetas sempre cantan.