Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

TEORÍA NACIONALISTA

OPINIÓN

SOLEIRA

04 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

De Herder a Ulises Moulines, actual decano da Facultade de Filosofía, Teoría da Ciencia e Estatística da Universidade de Múnic, abundan as teorías nacionalistas. Pero chegar á claridade, sinxeleza e acerto deste último autor non é doado en eidos que tanto se prestan a teorías moitas veces afastadas da realidade. No seu Manifesto nacionalista , (Edicións La Campana) trata de cousas ben evidentes, pero que a miúdo se esquecen. Por exemplo, arrinca de algo tan claro de seu como o bo que é que exista variedade no universo. Por suposto, tamén variedade de nacións. O problema só está no Estado-nación hexemónico cando promove a hexemonía dunha nación sobre as outras, e non sabe crear e mante-las condicións político-xurídicas axeitadas para que as demais nacións que o integran se atopen na súa propia casa. Claro que isto pode ser complicado: a democracia sempre o é máis ca calquera autoritarismo. Pero se un Estado non sabe crear aquelas condicións, é un impulso ético deixa-la casa na que un non se pode desenvolver. Esta oviedade moral, como el a chama, en política é nacionalismo. Nacionalismo que é sempre inter-nacionalista, pois toda nación ten a obriga de facer posible a identidade das demais. Tan obvio como certeiro.