CERNUDA E ROSALÍA

OPINIÓN

26 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Teño a sospeita de que o centenario de Luis Cernuda (Sevilla, 1902) non vai suscitar, en Galicia, celebracións dignas de tal nome. Un dos deuses maiores da gloriosa Xeración do Vintesete, a súa voz de poeta -densa, responsable, orixinal- está entre as grandes voces hispánicas do XX, un século pródigo en voces altas e reveladoras, desde Rubén Darío a Juan Ramón Jiménez, desde César Vallejo a Pablo Neruda ou desde Rosalía de Castro (sic) a Joan Maragall. Dentro e fóra das aulas universitarias, os poetas máis populares do Vintesete son Rafael Alberti e García Lorca, este traducido e antologado con profusión en ducias de países. Estamos, sen dúbida, ante un gran poeta, pero tamén ante un poeta que se beneficia da súa condición de poeta mártir , o poeta mártir, por antonomasia, da Guerra de España do 36. Ser máis popular ou ser máis traducido (ou traducible) non implica, necesariamente, posuír maior ou mellor entidade poética. A poesía de Luis Cernuda -hoxe empeza a saberse- constitúe, nalgúns aspectos, unha das páxinas máis nobres e reveladoras do Vintesete español, aquela gloriosa xeración de poetas. Luis Cernuda publicou páxinas críticas sobre certos poetas españois, admirables polo seu talento e orixinalidade, sobre todo as que compoñen o libro Estudios sobre poesía española contemporánea , editado en Madrid, non sen recortes da censura franquista, no ano 1957. Nese volume, no esencial sobre poetas do XX, dedica un capítulo á poesía de Rosalía de Castro, especialmente ó libro En las orillas del Sar . Nesas páxinas recoñece a modernidade de Rosalía e lamenta que a súa poesía non a tivesen en conta os grandes poetas españois do século XX. A afirmación hoxe é discutible, pois outros estudiosos sinalan que hai páxinas de Rosalía presentes en Juan Ramón, Unamuno e Antonio Machado. Discutible ou non a afirmación de Cernuda, o seu capítulo sobre a nosa escritora alporizou a algúns críticos galegos, especialmente a Ramón González Alegre, que publicou, ó ano seguinte, na revista Papeles de Son Armadans , a réplica Sobre una interpretación de Rosalía de Castro . Eu creo que González Alegre quedou un pouco desconcertado ante a independencia de criterio de Cernuda, quen, como crítico de Rosalía, estaba moi lonxe de certos vellos tópicos. En ningún momento Cernuda deixa de recoñece-la valía e a orixinalidade da poesía de Rosalía, da que foi capaz de dicir que non tiña «antecedentes en nuestra lírica clásica», un caso aparte, «pero hay que contar con ella». Cernuda, esixente lector de poetas, tivo, antes do exilio, relacións con algúns poetas galegos, especialmente con Serafín Ferro, co que viviu un episodio tormentoso. Na opinión da crítica, Serafín Ferro inspirou os poemas de Donde habite el olvido (1934). Na contracuberta figura a letra S (de Serafín) en forma de serpe moi estilizada.