As frases feitas ou grupos fraseolóxicos están formados por grupos de palabras intimamente ligadas que expresan unha determinada idea. O significado da frase non é o resultado da suma individual dos significados de cada unha destas palabras, senón que, a maioría das veces, o conxunto de termos permite crear un novo. En galego é frecuente escoitar a expresión ¡madia leva! co significado de 'así calquera'. (Disque Patricia vai gañar Gran Hermano. -¡Madia leva!, coa nai que ten) . Os diccionarios, sen embargo, non recollen o substantivo madia , senón madía . No DRAG98 madía aparece definida como 'motivo de preocupación' e no Xerais (2000) como 'defecto, característica negativa que se lle atribúe a alguén'. Como interxección preséntase tamén con acento gráfico: ¡madía leva (levas...)!, ¡madía ten (tes...)!, cos significados de 'xa o creo', 'ten boa sorte', '¡home claro!', 'así calquera'. ( ¡O seu neto quéreo moito! -¡Madía leva!, dálle canto quere ). Con todo, hoxe en día no galego o máis habitual é escoitar a expresión madia leva , non madía leva , co mesmo significado. Noutros casos esta frase utilízase tamén en contextos no que se queira expresar sorpresa, funcionando no discurso de xeito equivalente a ¡mi madriña!, ¡manda carallo!, ¡vaites, vaites! (Acabo de mercar un coche. ¡Madia leva! Un Audi) . Existe, ademais, a expresión ¡máis vale madia leva que vaia por Deus! co significado de 'non te queixes tanto que puido ser peor'.