MÁIS PEDRAS CA PIRIXEL

OPINIÓN

20 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Nunca pensei, cando en 1961 fixen a milicia universitaria, a IPS, en Benzú (Ceuta), nin tampouco despois, que por aquelas pedras cacarañadas se poidesen movilizar máis de mil homes, case tódolos buques da Armada, que enchesen as primeiras páxinas dos xornais, que se investise na operación tantos miles de millóns, que aquel miserento con, que nin pirixel produce, se volvese fonte de auténtico patrioteirismo barato, non sei se constitucional... Esta operación expresa moi ben o escaso sentido do humor deste Goberno, que dispoñía de moitas maneiras de resolve-la situación sen necesidade de quedar mal cos distintos grupos políticos, aínda con aqueles que o apoiaron no Congreso, na sesión do martes, día 16. Nin, por suposto, cos marroquinos, veciños cos que as nosas relacións, por mor deste Goberno, non poden ser peores. Este séntese moi satisfeito, pois xa gañou -xa o veremos- unha batalliña, demostrou a súa fosca autoridade, puxo firmes ós marroquinos e, ó mellor, a operación compensa os probes resultados do debate de días atrás. Política que é caricatura do imperio vido a menos. ¿Non vos lembra todo isto o fidalgo aquel de Azorín que, morto de fame, vai pola súa vila esabichando os dentes para que os seus viciños pensen que ese día xantou?