Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

01 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

ESTA fin de semana contáronme unha anécdota que me fixo recapacitar, entre outras cousas, sobre o paso do tempo. Unha nai pretendía que o seu fillo de catro anos valorase todo o que tiña ó seu redor. Como tódalas nais que coñezo, caeu na tentación de recordalle ó fillo as diferencias coa súa infancia: «Cando eu era pequena a televisión era en branco e negro, non había nada máis que unha canle, non había mando a distancia e non existían os teléfonos móbiles». Aínda que pareza estraño, o rapaz só amosou a súa sorpresa ante unha das catro carencias: «Mamá, ¿non había móbiles?». Dende a perspectiva dun adulto, custa entender que o avance tecnolóxico máis recente chamase a atención do neno. Os móbiles, ó fin, levan entre nós a penas tres ou catro anos, pero xa son insubstituíbles. En galego, a diferencia do castelán, o substantivo e adxectivo móbil escríbese con -b-, de acordo coa súa etimoloxía (do latín, mobilis ). Deste xeito, toda a familia léxica constrúese tamén con -b- : mobilizar, mobilización, automóbil, automobilismo , etcétera. (Sufriu un acccidente e ten o brazo inmóbil; Os alumnos anunciaron novas mobilizacións para este curso) . O galego, de novo, coincide neste punto con outras linguas occidentais. Así, en inglés atopamos mobile, mobility, mobilization ; en francés, mobile ; en catalán, mòbil, mobilitat, mobilització ... Hoxe en día o teléfono móbil mesmo revolucionou a linguaxe: «Kdmos o finde?». falar.ben@lavoz.es