A 25 DÍAS do accidente do Prestige xa non é necesario que as autoridades competentes nos expliquen que é un desastre maior. ¡Por desgracia xa sabemos o que vostedes querían dicir! O espallamento e impacto do fuel é de tal magnitude que seremos unha referencia obrigada nos tratados de bioloxía mariña. Parece que despois de tantos días, co encomiable exemplo dos mariñeiros e a presión dese extraordinario voluntariado, por fin aprenderon que é absolutamente necesario retirar canto antes o fuel do mar e de toda a costa. Semella que xa saben que non só é preciso limpar as praias e lugares accesibles senón tamén os coídos e rochedos máis abruptos. O fuel ten un efecto letal sobre as comunidades que cobre na beiramar pero non remata aí a súa incidencia. O embate do mar sobre a costa bate, fragmenta e emulsiona o fuel que se dispersa pola columna de auga e se acumula nos sedimentos submareais. Sabemos ben dende a marea negra do Mar Exeo que o seu efecto exterminador persiste por longo tempo. Deben saber vostedes que xa temos suficientes indicios, por mariscadores e arrastreiros, que a incidencia deste hidrocarburo chega ata fondos profundos da plataforma. Agora que por fin admitiron que o barco segue vomitando fuel, deberían tamén explicar o impacto que terá sobre as comunidades abisais. Os organismos non están preparados para o fuel. É necesario que os substratos estean inmaculados cando eclosionen as larvas na primavera. Nos lugares onde persista o efecto da marea negra os recrutamentos serán abortivos. Teñan en conta que as poboacións de organismos están moi afectadas polo que o stock de reproductores será ostensiblemente menor que en anos anteriores. Deben explicar tamén que na recuperación do litoral a recolonización farase en principio cun forte desenvolvemento de especies oportunistas. Isto quere dicir que a recuperación das poboacións e do ecosistema producirase gradualmente en varios anos e nalgúns casos instáuranse comunidades distintas da orixinal. Sabemos dende o accidente do Urquiola que para algunhas especies e comunidades as cousas non voltarán ser coma antes. Este accidente só ten unha cousa positiva: a reacción da cidadanía reflicte que está calando na sociedade unha clara toma de conciencia de que o mar é un medio fráxil e vulnerable que temos que protexer. Pero non nos enganemos, a contaminación mariña por hidrocarburos é so o 20% da contaminación do mar; o 80% restante vén a cotío das actividades en terra. Galicia ten un patrimonio natural de incalculable valor que non podemos destruír e explotar sen límites. ¡Ogallá se dean de conta disto as autoridades competentes!