A ORDE que deu o fiscal xeral do Estado, Jesús Cardenal, para que se investigue á plataforma cidadá Nunca Máis, a raíz dunha denuncia interposta polo sindicato Manos Limpias, evidenciouse ante a opinión pública como unha acción de marcado carácter político que secunda a estratexia do PP para desprestixiar a Nunca Máis, aínda a costa de vencellarse agora coa extrema dereita. Como xa se sabe, o sindicato denunciante está dirixido por varios ultradereitistas que proveñen dos partidos de Blas Piñar. Sen embargo, o trascendental non é a malintencionada denuncia de Manos Limpias senón que o fiscal xeral do Estado curse a orde para que o fiscal xefe de Galicia abra dilixencias contra Nunca Máis. E non se trata de que a Plataforma Nunca Máis non poida ser investigada (eles mesmos fixeron públicas as súas contas), pero resulta cómico que os responsables políticos da catástrofe, en vez de dimitir, queiran criminalizar a Nunca Máis ante a opinión pública. E pregúntome, por comparar, ¿que diría o PP se o fiscal se propuxese investigar á plataforma cidadá Basta Ya? ¿Sería abondo para o fiscal investigar a Basta Ya porque unha parte dos cartos que recauda non se destina ás víctimas do terrorismo senón ás actividades de carácter político, como protestas e manifestacións, nas que reivindica unha actuación próxima á do PP? Sen dúbida, sería un disparate. Pois, ¿acaso non é lícito que a sociedade galega se mobilice para responder a unha actuación política ou é que o PP quere, simplemente, controlar a liberdade de expresión? Mentres a dereita española continúa negando a Galicia (agora tamén por boca do presidente do Tribunal Constitucional, Jiménez de Parga), aquí (como se puido ver nesa impresionante cadea humana de 50.000 estudiantes) sentímonos maioritariamente representados por Nunca Máis, unha plataforma cívica intregrada por máis de douscentos colectivos e dirixida por xente honesta. No que a min respecta, como cidadán e como galego, o meu corazón está con Nunca Máis e coa súa defensa de Galicia. Así que eu tamén me sinto, me declaro e me autoinculpo Nunca Máis.