«¡MOITA REPUNANCIA!», pronunciada así sen o g, é a frase que escoitaba de boca da miña nai cando desprezaba a comida da mesa. E así, sen g, escoiteina moitas veces para rexeitar a altivez de alguén que evitaba, sen remedio, que se recoñecese a súa procedencia social humilde. Este sentido da palabra repugnancia, que é como se debe escribir, non aparece descrito nos diccionarios e, sen embargo, calquera galego sabe ó que me estou referindo: unha mestura de insolencia, arrogancia e parvada por parte de quen a manifesta. ¡O que hai é moita repu(g)nancia! É unha característica da oralidade do galego relaxar ou non pronunciar as consonantes en final de sílaba -fú(t)bol, dire(c)to, di(g)no...- e esta peculiaridade contaxiouse tamén ó castelán de Galicia, ata o punto de identificarnos fóra das nosas fronteiras. Pero a pronuncia do g no substantivo repugnancia constitúe un fenómeno moito máis curioso dende o punto de vista lingüístico, porque segundo se pronuncie ou non esta consonante o significado da palabra pode variar. Esta reflexión, pouco científica, baséase na observación de moitos falantes para os que non é o mesmo dicir repunancia (que se traduciría co significado xa comentado) que repugnancia (que se interpretaría como 'sensación desagradable, aversión a algo ou alguén'). Practicamente idéntico é o comportamento do adxectivo repugnante. Cando o falante quere recalcar que algo 'é aborrecible e noxento' a pronuncia do g adoita ser perceptible. Pola contra, se o g se elide, atopámonos cun repunante, isto é, 'alguén que resulta pesado ou cargante'. ¡Cantas veces non teñen escoitado os nenos esa frase de « ¡Que repunantiño estás! » ou a súa variante en feminino: «¡Que repunantiña! ¡Es unha repunanta!». Que conste que na escrita non debe esquecerse o