O EVANXEO de Marcos (6,1-6) dános catro nomes de irmáns do Señor; tamén fala de irmás, sen nome. En grego adolfós tanto pode significar irmán coma curmán ou primo carnal. Os protestantes traducen por irmán como tamén os católicos ortodoxos orientais. As versións católicas da Biblia escriben «irmán», pero din que era curmán. Van sendo moitos os biblistas, tamén católicos, que traducen por irmáns carnais, aínda admitindo que adolfós é susceptible de dobre significado. O problema constitúeo o dogma da virxindade de Myriam de Nazaré: para moitos segue a ser unha cuestión biolóxica mentres que outros optan pola comprensión teolóxico-simbólica. Un crente ten que chegar a conviccións persoais logo de análise da cuestión. Penso que tiñan razón aqueles que no concilio Vaticano II avogaban pola «xerarquía de verdades», consistente en non darlles o mesmo valor a todo o mandado. A min préstame moito a linguaxe simbólica e o tema da virxindade dime moito.