Arredor deste oficio

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

26 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

«O XORNALISMO ten que recuperar a memoria», recordábanos o pasado xoves Carlos Reigosa. «Sen rigor e sen memoria non hai xornalismo». Sen compromiso e responsabilidade social, tampouco. Memoria para entender o que pasa e memoria contra a manipulación dirixida. Cada vez que escoito a algúns políticos (aos políticos no poder, sobre todo) anunciando promesas ou explicándonos o que van facer, ou porque fan o que están facendo, lánzome ás hemerotecas. Un exercicio san (e necesario) para o bo funcionamento do sistema debería consistir en repasar dende os xornais, en vésperas de cada consulta electoral, tanto o que fixeron os nosos gobernantes coma o que anunciaron que estaban a facer e logo levou o vento. Rigor: para diferenciar a noticia da anécdota. Vivimos tan pegados ao acontecemento, tan borrachos de actualidade que, as máis das veces, a anécdota non nos deixa ver a noticia, e a loita pola audiencia inmediata agóchanos algo fundamental: a credibilidade do medio e a súa responsabilidade social. Nunca a boa información foi tan necesaria. Ramonet compara a información na sociedade contemporánea coa alimentación. Nunca a Humanidade producíu tantos alimentos e nunca tan contaminados e mal repartidos estiveron. Responsabilidade social: porque este oficio non é unha máquina de fabricar masivamente productos de consumo, en función exclusiva dos mercados e á procura do máximo beneficio (sendo o beneficio das empresas algo necesario e lexítimo). A información é un ben público, un dereito democrático, e a súa pulcritude, a súa calidade e o seu compromiso afectan á cidadanía e, á democracia no seu conxunto. O espectáculo das últimas semanas (que non é novo) arredor dos sucesos de Málaga e a detención do súbdito inglés Tony Alexander King, debería obrigarnos a unha profunda reflexión (autocrítica) dende os medios de comunicación de masas (non só a televisión). A substitución cada vez máis frecuente da información contrastada pola improvisación e o rumor, a inxeniosidade e o comentario sen fundamento, en programas de gran audiencia e pretendido debate, son a moeda falsa que despraza do mercado á boa, segundo a vella lei da Economía: productos baratos, de rotación rápida e aceptación masiva a estimular as vísceras e embotar o entendemento. Alguén debe estar facendo as Américas. ¿Sobre que valores sociais ou morais podemos fundamentar o principio constitucional do xulgado popular nestas condicións, por exemplo? ¿Que grao de responsabilidade temos cada un de nós no embrutecemento masivo da poboación (cada cidadán un voto)? ¿A que modelo de sociedade aspiramos exactamente? Rigor, memoria e responsabilidade social. Compromiso dos profesionais (cada un dende o seu grande ou pequeno territorio) e compromiso das empresas. Compromiso, en fin, da cidadanía, empezando pola clase política, que ten a obriga democrática de dar exemplo. «Sen información de calidade é imposible pensar nunha democracia de calidade», advertía hai uns anos o Código Deontolóxico do Xornalismo (Bruxelas, 1993). Queda abondo por facer. E por rectificar, se acertamos a darnos de conta a tempo.