NUNCA MÁIS espero ter que vivir un día coma o que hoxe lembramos. Un día do que levamos falado un ano, un ano de marusía, de forte marusía, que levantou ós galegos e reconciliounos para sempre co mar. Porque hoxe máis que nunca o protagonista é o mar. O mar que salfire tamén a lingua de expresións nas que el é o referente. E ás veces dunha maneira tráxica. Dise marea de defuntos a aquela marea viva, na que o mar baixa e sobe moito máis do normal cando hai lúa nova ou lúa chea, e que habitualmente coñecemos como marusía. A marusía é, ademais, o ?movemento axitado do mar, con grandes ondas, que coincide cun tempo atmosférico sen borrasca nin tempestade?. Ás veces fálase de mareira ou roleira con idéntico significado. Son frecuentes outras expresións para referirse ó mesmo fenómeno, que non son sempre intercambiables, se ben teñen en común a aparición de ondas de certa importancia. Dise que hai mar teso cando o mar comeza a axitarse; o mar de vaga caracterízase por chegar a ondas de 4 metros; o mar bravo é o que aparece no tempo tormentoso e as augas producen ondas de 6 ou 7 metros, pero case de ficción resulta o mar desfeito que chega a acadar ondas de 14 metros. Imaxes máis fermosas e agradables recolle a lingua, como cando falamos do mar de ardora, ese mar tranquilo e brillante de última hora da noite, que parece queimarse docemente e que é indicativo da presencia de peixes; ou o mar bo e o mar chan, expresións referidas ó mar calmo. Velaí o mar, sempre. Os galegos reconciliámonos con el a partir da traxedia que se iniciou hai un ano. Cómpre facermos cada día un exercicio de memoria para que non volvamos sentirnos s.o.s., como naqueles versos premonitorios do poeta mariñeiro Manuel Antonio: «Fomos quedando sos, o Mar, o barco e mais nós».