Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Monótono fungar

| SANDRA FAGINAS |

OPINIÓN

03 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

falar.ben@lavoz.es COMO UN HIMNO, exactamente igual, recoñezo estes días a cantilena de xente e xente que segundo avanzan as festas non fai máis que fungar: fungan por comer de máis, fungan por gastar de máis, fungan por xuntarse de máis, fungan por beber de máis... Esta ladaíña lémbrame un ano máis que estamos nesa entrañable época, o Nadal, que se se caracteriza por algo é polo monótono fungar. Este fungar, propio e exclusivo do galego, é sinónimo de rosmar, de roñar, de bufiñar ou de moumear, isto é, 'protestar, normalmente polo baixo, emitindo palabras incomprensibles'. Os fungóns e rosmóns móstranse inconformes moitas veces chorando, choromicando, de maneira monótona: «¡Deixa de fungar, porque non vas saír en fin de ano!». En orixe o verbo fungar ten o significado de 'respirar polo nariz con forza facendo ruído', pero tamén 'narnexar: falar polo nariz'. Sirva como exemplo unha das célebres frases do pai dunha amiga: «Bertín Osborne, en vez de cantar, funga». O que sen dúbida funga é o gato, pois este verbo se aplica ós animais que 'resopran, en ocasións de maneira ameazadora'. Como pronominal, fungarse é 'limpar un mesmo o nariz, asoarse' (¡Fúngate co pano!) e con ese sentido pode funcionar sen ser pronominal (¡Funga os mocos!). O substantivo fungoada utilízase co significado de 'reprimenda' e cómpre distinguilo de fungarada: 'rapé ou tabaco en po que se sorbe dunha vez polo nariz', porque fungar é tamén 'sorber tabaco'. De aí a expresión funga na cacha, que cualifica ó 'tabacoso, que toma moito rapé'. Se hai un fungar que os galegos recoñecemos é o da carballeira, o do piñeiral, o da fraga, 'o ruxir con forza dos elementos que roza o vento', ese outro «monótono fungar» que inmortalizou Pondal no noso himno.