O GRAN TEATRO que é cada campaña electoral parece estar marcado esta vez por continuas apelacións ao voto útil. Os dous partidos que se desputan o Goberno do Estado fan diversos chamamentos ao respecto. A quen máis lle interesa falar de voto útil é, sen dúbida, a Zapatero, ese ZP convertido en produto de marca por arte e maxia do márqueting. O propio compromiso de ZP de gobernar unicamente no caso de que a súa sexa a lista máis votada parece encamiñado a forzar o voto útil. Evidentemente, o que temos que preguntarnos os electores é para quen é útil ese voto. Para Zapatero, sen dúbida. Para Galicia, xa é máis discutible. En primeiro lugar, porque o propio Touriño, que solicita o voto útil de progresistas e galeguistas, está demasiado nun segundo plano no debate do Estado. E ademais, porque os intereses de Zapatero céntranse moito máis na Meseta e no recuperable Madrid de Tamayo. Por enriba, é ben pouco probable que as tímidas e miméticas propostas de Zapatero con respecto á estratexia do PP sexan quen de avantaxar a Rajoy, e moito menos desde ese ambiguo xiro político que ZP anuncia: «ao centro e á esquerda», ao mesmo tempo, coma un milagre. Aínda que o PP tamén apela ao voto útil (Teófila Martínez, por exemplo), a estratexia de Rajoy en Galicia é a de sacarlle todo o zume posible á súa condición de galego, cunha campaña que se detén, e moito, por aquí, aupado por rápidas inauguracións e pola presencia institucional do archicoñecido goberno Fraga. Sería crible se non chega a ser porque na pre-campaña Rajoy desautorizou o galeguismo dentro do seu propio partido. Xa que logo, non é difícil intuír que o compromiso de Rajoy coa súa terra se vai limitar a seguir tirando conxunturalmente do Plan Galicia (e xa veremos en que medida). ¿Cal sería, logo, o seu compromiso galego se non chega a suceder a catástrofe do Prestige que el mesmo xestionou? Agora a incógnita está en saber se as galegas e galegos apelamos á nosa memoria inmediata para non esquecer cal foi o comportamento recente do PP con Galicia ou se, coma sempre, preferimos facernos os parvos e mirar para outro lado. Así que, sen dúbida, non hai voto máis útil que aquel que se practica en conciencia.