Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

21 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

falar.ben@lavoz.es É NORMAL entre as linguas que están en contacto que unhas se presten a outras distintas palabras ou determinados usos e significados. As linguas, a través dos falantes, préstanse léxico, préstanse estruturas sintácticas, préstanse a entoación ou préstanse a fonética. O caso é que antes ou despois caemos nas redes doutro idioma sen apenas decatarnos. Entre os moitos préstamos que o galego deixou no castelán de Galicia está o do verbo prestar. Ambas linguas coinciden no significado deste verbo na acepción 'entregarlle algo, en especial diñeiro, a alguén durante un certo tempo para que o utilice e logo o devolva' (Prestoume 10 euros para mercar un libro). Como en castelán, o verbo galego ten, entre outros, o sentido de 'ofrecerse' (Prestouse a declarar). No entanto, hai unha acepción de prestar, característica da nosa lingua, que é impropia do castelán, pero moi habitual en Galicia. O prestar galego significa tamén 'sentar ben ou producir pracer algunha cousa', 'tolerar ben o estómago unha comida'. Así, son normais na lingua expresións como: Prestoume moito ir de vacacións; Non lle presta comer bacallau; Préstalle a cor vermella... É xustamente este significado o que aparece, por contaminación co galego, no español de Galicia: ¡Como me presta el verano!, ¡Como te prestaron las vacaciones!, Me prestaron muy bien los callos... Calquera destas frases soaranlle alleas a un castelanfalante que non teña contacto connosco. O prestar galego coincide na forma co español, pero agocha un significado ben distinto. Préstame que os falantes nademos entre as linguas sen percibir ás veces o que nos prestan.