CANDO a victoria de El Alamein de outubro de 1942, despois dos días de sangue, suor e bágoas da Batalla de Inglaterra, Winston Churchill puido por fin celebrar o primeiro triunfo e fíxoo decindo que aquel episodio non era a fin, nin siquera o principio da fin, senón tan só a fin do principio. A prudencia do político conservador, inmerso nunha tarefa de envergadura sublime, ven ao xeito para describir o resultado do debate do Plano Ibarretxe no Congreso dos Deputados. O Parlamento servíu ao cabo para o que debe, desdramatizando aos catastrofistas e desinflando o balón. Todos dixeron o que querían, todos escoitaron, case todos estiveron brillantes. Falouse do que nunca se falara en sede parlamentaria e cada quen sinalou as súas posicións, aspiracións e límites. Foi coma un esconxuro das pantasmas prepolíticas que poboan a sociedade española, alentadas por extremistas mediáticos e terroristas de diversa pelaxe. Dixéronse moitas cousas nun debate de certa altura. Do moito que non foi destacado suliñaría a vontade dos nacionalistas galegos, cataláns e vascos, de permanecer no Estado español. Moito se leva falado de quen quere marchar, da vontade de secesión, de separatismo -recuperando un término torpe que lembra á Enciclopedia Álvarez-, pero iso non por boca dos nacionalistas que o que alí expresaron foi outra cousa. Os que se definen como independentistas cataláns e vascos -ERC e EA- insistiron explicitamente en que non querían discutir a forma de secesión senón una nova forma de convivir para manterse xuntos. Os que non se declaran independentistas -PNV, CiU e BNG- afirmaron que aspiraban a unha vía máis respetabel de estar con/en España. Para os xacobinos non mereceu atención esta evidencia ou entenderon nela a pel de cordeiro do lobo. Despois deste debate temos por diante a reforma de todos os estatutos e da Constitución, coas cartas enriba da mesa. Algunhas autonomías aspiran a ter un Estatuto de nación que garanta un tratamento diferente do que é diferente. Non é cuestión de xerarquías nin de superioridades senón de pasado, de presente e de vontade colectiva. Non hai dereitos colectivos se non hai colectivo que queira telos. En Cataluña a opción é claramente maioritaria -PP, incluído-; en Euskadi unha pequena maioría defende esa opción á que se opón unha grande minoría . Na Galiza só o BNG defende unha reforma a fondo e inmediata. Cada país ten vías e realidades distintas e non comparabeis. Democracia e nación presentáronse como unha dicotomía tan interesante como interesada por un Rubalcaba que insistía en situar a primeira por riba da segunda. Hábil disxuntiva en abstracto pero imposibel historicamente no tempo e no espazo, porque a política constitúese nun territorio e en varios espazos interconectados, pero nunca no baleiro territorial. Retóricas a un lado, como pensan moitos nacionalistas de esquerdas e lle escoitei a Beiras algunha vez -aínda que non lembro que o escribira-: «O que queremos os nacionalistas é deixar de selo... pero non nos deixan». Se o Estado español logra por fin adoptar unha fórmula na que todos se atopen máis cómodos, as positivas realidades sociais que o nutren vencerán ás vellas pantasmas.