falar.ben@lavoz.es A PENAS un se dá conta está de volta no mesmo lugar onde desapareceu, aínda que ás veces con algúns cambios. Desta volta seguimos a darlle á lingua, pero con algo menos de espazo e coa nova normativa, ou deixémolo xa en normativa, asentada. O caso é que sen necesidade de facerlle as voltas a ninguén ocorréuseme darlle voltas á cabeza e caín na conta de que á volta da esquina atopábame cun dos substantivos máis prolíficos do dicionario (agora xa cun só -c- ). Como estamos de volta , tamén de moitas cousas, pensei que estaría ben lembrar o uso cotián que lle damos ao substantivo volta , especialmente en frases ou locucións adverbiais. Así que sen máis voltas , a primeira que se me veu á cabeza foi a utilización tan característica que facemos os galegos da expresión «desta volta». O seu significado é sinónimo de 'esta vez, nesta ocasión', e é habitual que conviva con outra moi semellante: «Nunha volta», con sentido parecido, 'nunha ocasión'. Por oposición xorde «Doutra volta» (Doutra volta falarei doutro tema). Sexa como for, a frase está xa tan estendida que na volta dunha man pasámola por contaxio ao castelán: «De esta vuelta me quedó mejor».