NON TEN dúbida que esto non vai cos que exaltan a profesionalidade dun traballador: este é un bo profesiona l, e sen dúbida pode selo, aínda que se é un bo profesional sen outra saída, sen outras inquedanzas, máis que o da súa profesión, a súa profesionalidade pode ser máis ben unha pexa para calquera melloramento técnico da súa profesión. Alguén ten dito que para o melloramento dunha actividade pode ser un inconvinte o que se sabe máis que o que non se sabe. Os perigos da rutina. Esto ven a conto porque estes días estivemos recordando esa gran película dirixida por David Lean The bridge on the river Kwai. A ponte sobre o río Kwai concebida a partir dunha novela do escritor francés Pierre Boulle, quen se basou nun feito da Segunda Guerra Mundial cando os xaponeses invadiron Myanmar e atopáronse coa destrución da ponte sobre o río Grandwadi, o que lles impedía seguir co ferrocarril camiño da India. O coronel Nicholson, interpretada na película por Alec Guinness, é un inxeñeiro militar inglés detido polos xaponeses que primeiro resístese a reconstruír a ponte, pero que remata por reconstruila para demostrar a superior capacidade técnica británica, segundo rezan os críticos admiradores deste filme. Afortunadamente, outros ingleses, dándose conta do disparate do coronel Nicholson, preparan a voladura da ponte no intre no que pasa o primeiro tren sobre ela. Os críticos que gabaron a película coinciden todos en considerala como un dos máis importantes filmes que se teñen feito, coinciden en que a actitude equivocada do coronel Nicholson débese a querer demostrar a superioridade da inxeñería británica sobre a xaponesa, pero eu digo contradecíndoos que máis que o orgullo da técnica inglesa é a deformación profesional a que o levou a facer semellante disparate. Coido que A ponte sobre o río Kwai é un dos grandes exemplos críticos a onde pode conducir a deformación profesional. Se paramos un pouco a atención en ver este ichó profesional a outros niveis menos críticos, cando son cáseque só especialistas, a súa deformación profesional impídelles ter criterio sobre a solución doutros problemas alleos á súa especialización. A estrutura na que encaixa a deformación profesional configura outras consideracións de profesión, que van dende a política, as creencias relixiosas, o problema das linguas... cando hai trasplantes dun eido a outro eido, porque ese efecto ven dado pola práctica. Disparates, aínda que non tan trascendentes como o do coronel Nicholson, os estamos vendo todos os días, por exemplo nos comerciantes en xeral (e digo en xeral porque hai valiosas excepcións) sen entrar en niveis de actuación. O seu horizonte é o negocio: mercar a cen e vender a douscentos. Certo que no comercio empresarial de altura estase a reaccionar contra esta visible deformación, especialmente para que a xente non diga: vostedes pensan só no negocio, nos cartos, pero o mundo é algo máis que os cartos; é tamén a moral, as causas xustas, a creación poética, a arte, a memoria da historia... Coido que na formación dos individuos tanta informática como hai hoxe non axuda á formación integral (sen deixar de recoñecer o valor das novas técnicas). Hai moita facilidade para se facer informático cun aparello que condiciona, mais eso serve para moi pouco por si só. Non me extraña que Saramago denuncie a apatía da xente, a crise de indiferencia. Eu digo que eso está fomentado polos que dalgunha maneira coinciden cos postulados terroristas do clan que representa o Bush.