Lennon e o Real Madrid

| MIGUEL-ANXO MURADO |

OPINIÓN

08 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

«NON quero un equipo de millonarios», dixo hai uns días o presidente do Real Madrid, cheo de razón. Eu pensei nel inmediatamente. Pero non, non se refería a si mesmo. Referíase aos xogadores, que é certo que tamén son millonarios. «Quero un equipo de traballadores», engadía. Pero tampouco se refería a que fose poñer traballadores no lugar dos millonarios. O que quería dicir é que pretende que os millonarios traballen como se non o foran. Fíxome lembrar desa canción de John Lennon, Imagine. Os pacifistas emociónanse escoitándoa, e fan ben; pero eu non podo oíla sen un sorriso cando chega a cuarta estrofa, onde di: «Imaxina que ninguén posúe nada». Como comentaba Elvis Costello, unicamente a un millonario se lle ocorrería pensar unha cousa así. Tamén Elvis Costello é millonario, pero levaba razón: tan só quen ten moitos cartos pode entreterse pensando que non téndoos a súa vida sería aínda máis feliz. Mais a Lennon estáballe vedada a pobreza, igual que a moitos outros lles está vedada a riqueza, ou simplemente o benestar. Canto máis auténtico se mostraba o cantante, máis admiración espertaba e, polo tanto, máis cartos gañaba. Así, buscando e buscando o equilibrio espiritual e a vida sinxela, acabou nunha mansión en Berkshire cun Rolls Royce Phantom V e chofer. Ás veces, saír de rico é case tan difícil como saír de pobre. O mesmo lle sucede ao Real Madrid. Digo Real Madrid, pero o mesmo valería para outros clubs tamén. Houbo un tempo en que o Real Madrid era un gran club porque gañaba moitos títulos, pero ultimamente é grande precisamente porque é grande. É grande porque é millonario: porque vende camisetas e chaveiros coa efixie ou o nome de millonarios, porque firma contratos millonarios e leva porcentaxes millonarias neles. O que vende, en definitiva, é o mesmo que venden as revistas de moda ou do corazón: a imaxe da riqueza. Claro que os socios preferirían que o equipo xogase mellor e gañase. O que pasa é que non son os socios quen fan grande a este gran Real Madrid, senón os outros, os que queren participar desa celebración da fama e os cartos, os que «queren ser como Beckham», é dicir, soñan con ser un xogador millonario, pero non polo que ten de xogador, senón, principalmente, polo que ten de millonario. Un equipo de pobres, en cambio, pode que gañase máis títulos, pero acabaría facendo pobres tamén aos directivos. E posiblemente esa non é a idea.