CANDO eu tiña trece anos, hai disto pouco máis de corenta, dicíalle ao meu pai: «Papá, non plantes eucaliptos». «¡Ti que saberás! Non ves que isto é unha riqueza que aos dez anos xa dan para unha corta», e engadía: «Ademais, o que planta un souto planta para outro», respondíame. E eu, que xa daquela apuntaba para biólogo, non entendía que cortaran os carballos e castiñeiros da miña infancia, nos que tanto xogaba e nos que tantos paxaros vía. Naquela época, fomentado polos agrónomos, producíase un andazo colectivo de «planta un eucalipto en calquera sitio que poidas, aínda que sexa na leira da túa casa». Poucos anos despois comprendín que as follas secas daquela árbore eran pólvora no monte, e que baixo delas só medraban os toxos e que nas súas pólas non pousaban ou aniñaban os paxaros. Co inexorable paso do tempo herdei algúns daqueles eucaliptais e, co mesmo entusiasmo de cando era neno, plantei varias veces carballos e castiñeiros que cada tres ou catro anos o lume encargábase de arrasar, namentres que os meus eucaliptos rebrotaban se cabe con máis forza. Intentei limpar o monte todos os anos, pero botando contas, aquela riqueza non me daba para pagar o que me levaban pola limpeza. Agora, as poucas veces que vou ao monte ¡derrotado! acórdome do meu pai, de todos os galegos que coma el plantaron esta riqueza, dos agrónomos, do Icona, da Xunta e de frei Rosendo Salvado, que Deus teña na súa santa gloria, por traer tan prezada árbore antipodiana dende tan lonxe; e asegúrolles que, na soidade do meu eucaliptal, non sei a quén botarlle a culpa, se non é a min mesmo por teimado e descrido, por non saber que o que non é eucalipto é maleza e que con el e os seus lumes non hai alimañas. En corenta anos, aquela riqueza natural de bosque autóctono que de neno coñecín, quedou reducida, na Galicia litoral, á fraga do Eume, e os lumes destes días, de todos os días e de todos os anos, son o claro exemplo do que lle empeza a pasar tamén aos nosos ríos, ás nosas rías e a toda a nosa riqueza natural. Tomen nota e bótenlle a culpa a quen lles pete. Tanto ten.