INMACULADA Echevarría é unha muller de 51 anos que padece distrofia muscular progresiva. Isto supúxolle vivir os últimos dez anos conectada a un respirador; pediu ser desconectada para morrer dignamente, pois di que non ten medo á morte. O particular do seu caso é que está hospitalizada nun centro relixioso andaluz, o Hospital de San Rafael, que leva a orde de San Juan de Dios. O equipo de bioética do centro e o comité de ética asistencial da orde relixiosa analizaron o caso e decidiron acceder á petición, como xa o fixera a Comisión de Ética de Andalucía. Consideran «de forma inequívoca a ausencia de obxeccións de carácter ético» na petición de Inmaculada e a súa «adecuación ao dereito», segundo nota feita pública. Aseguran que todo se vai realizar co respecto debido á paciente, nos aspectos técnicos, humanos e morais. Pero os cardeais Antonio Cañizares (Toledo) e Carlos Amigo (Sevilla), non ven así as cousas, e chegaron a cualificar o feito de «eutanasia ilexítima» e homicidio, «un atentado contra a dignidade humana». En troques, outros relixiosos como o prestixioso teólogo xesuíta Juan Masiá, especialista en bioética, pensan que a decisión está de acordo coa «máis tradicional moral católica»; por iso manifestou que hai que dicirlles a estes cardeais «que repasen a súa teoloxía moral», porque «o que mata é a enfermidade, non a retirada do soporte que prolonga artificialmente a agonía». Así me parece a min, que levo na miña carteira un testamento vital -que fixo en tempos a mesma Conferencia Episcopal- no que asino que, aínda que a vida material é un don de Deus, «non é o valor supremo», acábase antes ou despois; polo que pido que «non se me manteña» nela «por medio de tratamentos desproporcionados» (o que se ten chamado «encarnizamento terapéutico») e tamén que se me apliquen medios «adecuados para paliar os meus sufrimentos». Non é o mesmo «matar por misericordia», como facía aquela enfermeira chamada Anxo da Morte, que manter a unha persoa artificialmente unida a unha vida que xa non ten unha calidade digna. Deus é misericordia compasiva.