O resultado electoral das eleccións autonómicas do 2009 marcou un novo tempo político en Galicia. A imposibilidade de reeditar o único Goberno progresista emanado directamente das urnas na recente historia da autonomía galega requiría entón a definición dun novo proxecto para unha nova etapa no PSdeG-PSOE. Non obstante, a dirección política preferiu daquela artellar un congreso exprés, destinado a reproducir o poder, sen revisar o proxecto e as propostas programáticas.
O ciclo político cambiou tamén en España coas eleccións municipais e as eleccións xerais do 2011. Os socialistas sufrimos sendas derrotas e perdimos coma nunca votos e poder institucional, e as enquisas posteriores advirten de que algunha desas tendencias aínda se pode acentuar. É certo que a crise castiga os gobernos, pero os cidadáns valoran tamén a xestión e coherencia dos gobernantes.
Agora o PSdeG está chamado a un novo congreso. E este tería que ser un congreso centrado no debate de ideas e na reformulación do proxecto político. Hai que abrir o partido á sociedade, revitalizar o debate ideolóxico, profundizar os mecanismos de participación democrática e modernizar a proposta programática contra a crise económica en Galicia.
O PSdeG ten que conectar coa cidadanía en base ás ideas, as propostas políticas e as respostas contra a crise. E para iso temos que cambiar, porque se nós non cambiamos, os cidadáns seguirán distantes de nós. Pero os cambios teñen que fundamentarse na renovación do proxecto político e do modelo do partido, e non na loita polos cargos. Que a aplicación da norma de incompatibilidade de cargos fora o principal detonante da bifurcación política do socialismo galego evidencia o erro de perspectiva sobre o tipo de renovación necesaria.
A alternativa socialista non pode emerxer baixo a tutela do aparato central do partido, porque o PSdeG debe ter o seu grado de autonomía dentro da estrutura federal do PSOE. E tampouco pode aparecer teledirixida por quenes plantexan unha estratexia de localismo exacerbado que nin beneficia á súa cidade nin permite edificar un proxecto en clave de país.
O futuro do PSdeG tense que escribir de abaixo arriba e en clave galega, cun proxecto de esquerdas, integrador e non teledirixido. Porque a pesares de que non son tempos sinxelos para os socialistas, a crise económica está amosando tamén a debilidade do actual Goberno da Xunta. E a necesidade de política e de política económica en Galicia faise patente.