E ncher o depósito do coche é cada vez máis caro; bo momento para lembrar que, canto máis se corra, máis combustible se vai gastar. ¿Podemos facernos unha idea do exceso de cartos que pagaremos por pisar o acelerador?
Si, coa seguinte idea simple: o coche adquire velocidade debido á forza que realiza o seu motor para empuxalo e, como xa teño dito nesta columna, a enerxía debida a ese movemento medra como a velocidade ao cadrado. O noso coche a 70 km/h leva o dobre de enerxía que cando vai a 50 km/h (70 ao cadrado son case 5.000, e 50 ao cadrado son a metade, 2.500). ¿E de onde sacou esa enerxía? Do motor, que, polo tanto, nos vai comer o dobre de cartos indo a 70 que a 50. Por se a alguén non lle quedase aínda claro, que calcule o que implicaría pasar de 50 km/h a 100 km/h, e verá que o gasto se multiplicaría por catro.
Este razoamento é unha aproximación minimalista, claro, pero queden con esta idea: o acelerador leva unha corda atada -con truco- ás súas carteiras, así que non a tensen demasiado. Contaminarán menos, mellorará a nosa seguridade vial e agradeceránllelo as súas economías.