A situación para os socialistas logo do 21-O non é nova, pero si diferente da do 2009, cando a elite dirixente entendeu que a opción «menos mala» era a marcha de Emilio Pérez Touriño, en quen se personalizaba a derrota, e o peche de filas arredor dun novo equipo directivo.
Hai demasiado tempo que no socialismo galego se aposta pola estabilidade orgánica como valor supremo, e nesta liña encádrase que a Touriño o substituíse un conselleiro do seu Goberno. Esta estratexia conservadora de ofertar caras coñecidas fai que o banco se mova moi pouco e case sempre por cooptación e explica á vez que no Grupo Socialista do Hórreo convivisen o equipo de Pachi Vázquez xunto co núcleo da alternativa ao Goberno do partido. Difícil entender que agás Xosé Blanco, os alcaldes de Lugo, Vigo e Ourense e o presidente da Deputación de Lugo non existan na organización referentes coñecidos. Imposible que un partido con máis de quince mil militantes non posúa alternativas internas, non só de persoas senón tamén, e sobre todo, de ideas.
A estrutura organizativa ten que facilitar a necesaria renovación de persoas e ideas. Os esquemas que serviron para a transición democrática están hoxe desfasados. Os partidos, tamén o socialista, teñen que entender que a cidadanía quere, con razón, ser consultada e escoitada; ao igual que a militancia. A sociedade precisa de organizacións vivas que traballen arreo e sen descanso, que non pareza que hibernan cando non hai contendas electorais.
Os que entendemos que o socialismo galego se atopa nunha grave encrucillada coidamos que é o momento de arriscar, mellor aínda, de ser coherentes e perder (gañar) tempo nun debate aberto para a construción dun proxecto que achegue respostas aos problemas do país, aos que sinte a sociedade, aos que afectan ao presente e tamén ao futuro.
A crise dos socialistas non é conxuntural senón de fondo. É incuestionable que existe unha creba de confianza entre o partido (ou os seus representantes) e a sociedade, e máis en concreto coa cidadanía que tradicionalmente lle brindou o seu apoio. Parte desa cidadanía non nos ve hoxe como solución, e iso non se arranxa cun regate en corto a toda présa no que entre aplausos nun escenario ben orquestrado se aclame a un novo líder que obedeza aos equilibrios internos actuais e non hipoteque futuro para o que poida vir despois.
Agardemos que haxa sentidiño, responsabilidade e tempo, sobre todo tempo, para escoitar o sentir da sociedade e para que a maioría da sufrida militancia poida decidir con tranquilidade e, a bo seguro, rachar prognósticos.