A Alternativa Galega de Esquerda quere que o Parlamento de Galicia sexa unha cámara viva e aberta a toda a cidadanía onde se debatan os problemas reais da xente. E quere tamén que os cidadáns coñezan e controlen a actividade da cámara que representa a soberanía popular. Para contribuír a ese obxectivo transformo en carta aberta a interpelación sobre o paro que lle fixemos ao presidente da Xunta no pleno celebrado o pasado día 17 de decembro.
Señor Feijoo, en Galicia hai 355.889 persoas inscritas nas oficinas do servizo público de emprego buscando un traballo. A utilización de criterios discutibles reduce esta cifra ao excluír ás persoas que teñen un subemprego, teñen dispoñibilidade limitada ou están en cursos de formación. Aínda así, a cifra oficial de paro rexistrado en novembro é brutal: 276.536 persoas. E a vostede, que é o máximo responsable desta rede de oficinas que teñen todas as competencias en políticas activas de emprego, o único que se lle ocorre dicir a eses centenares de miles de cidadáns galegos angustiados é que non ten competencias, que é incompetente, que non ten capacidade para axudarlles a saír do seu drama.
O desemprego é o principal problema do país, vostede é o máximo responsable de gobernar e por tanto reducir a límites soportables a traxedia do paro é a súa principal obrigación. Se non é capaz de facelo ou se non sabe como facelo, vostede volverá fracasar como presidente, como xa o fixo na súa primeira lexislatura.
Cando vostede foi investido presidente por primeira vez, en abril do 2009, había en Galicia 210.662 persoas en situación de desemprego. Hoxe, apenas tres anos e medio despois, xa son 276.536 homes e mulleres os que están a sufrir nesa insoportablemente longa cola do paro. ¿Como se sinte sendo o responsable último de mandar ao paro a 65.874 persoas? ¿Non cre vostede que debería pedirlles perdón, desculparse, recoñecer diante deles o seu fracaso?
Señor Feijoo, ¿sabe vostede que preto da metade dos desempregados, 119.352 persoas en concreto, non cobran ningún tipo de prestación, que non teñen ningún ingreso para levar á súa casa? E se o sabe, ¿é capaz de conciliar o soño polas noites?
Se cadra vostede non o sabe, ou non lle preocupa, pero en Galicia hai máis de 80.000 fogares nos que todos os seus membros están en paro, moitos deles sen ingresos regulares, que se achegan cada día que pasa ao abismo da exclusión social. Hai 115.654 persoas que xa son parados de longa duración e cada día que pasa ven empeorar as súas oportunidades de volver ter un traballo. Hai máis de 72.000 persoas maiores de 45 anos en desemprego, que se desesperan pensando que se esta crise dura algo máis xa nunca volverán ser activos.
¿Vostede é consciente desta dramática realidade, do inmenso sufrimento de todas estas persoas, cando se atreve a dicir que en Galicia non se creará emprego ata dentro de dous anos polo menos?
¿Vostede é consciente da súa responsabilidade cando lles di a estas persoas angustiadas que o seu Goberno non ten ningunha solución, que teñen que seguir sufrindo sen esperanza a medio prazo?
¿Non ten vostede ningunha alternativa diferente á que propón esa deputada por Alacante, Andrea Fabra, compañeira súa de partido? ¿Ou lles vai a falar da reforma laboral de Rajoy, unha arma de despedimento masivo que xa enviou ao paro a milleiros de traballadores galegos?
Ante o principal problema económico, social e persoal que temos os galegos, vostede, señor Feijoo, ¿que propón? ¿Cales son os seus compromisos? ¿Que vai facer para axudar a resolver o drama destas 276.536 persoas e as súas familias, dos 119.352 parados e paradas sen prestación, os 80.000 fogares galegos onde ninguén ten emprego, os 72.000 desempregados maiores de 45 anos ou os 115.654 que son parados de longa duración?