China pide paso

OPINIÓN

11 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

E se é o título do último libro que Xulio Ríos publica (Icaria), e que leva como subtítulo «De Hu Jintao a Xi Jinping», ou sexa, toda unha década decisiva para o desenvolvemento da China moderna. Un libro que é imprescindible guieiro para nos achegar a esa realidade.

Con claridade expositiva móstranos o que foi a política de Hu Jintao, como a superación das desigualdades debidas a décadas de crecemento de baixa calidade, o protagonismo internacional de China, as novas e mellores relacións con Taiwán, a reafirmación das bases partidarias en todas aquelas estruturas que confiren poder, o ter fuxido da confrontación directa, sen por iso deixar de ser home de determinación... con análise no último capítulo do legado de Hu Jintao, sen esquecer os problemas da nova etapa, que coincide co máis importante relevo xeracional da China popular.

No capítulo III infórmasenos dunha cuestión que aos galegos nos é familiar e na que ao mellor atopamos semellanzas de tratamento: a contestación das nacionalidades minoritarias, como os casos do Tíbet e do pobo uigur, que ben acreditan a inflexibilidade do poder cos seus problemas, se ben un novo modelo pode mellorar no futuro esa situación.

Un libro denso e claro, ben organizado, con exposición sinxela e directa, con moi sólidos alicerces no coñecemento da realidade chinesa, indispensable para ter unha idea cabal non só da década Hu Jintao, senón tamén para nos ir familiarizando cos problemas e desafíos que vai ter o sucesor, Xi Jinping.

Un libro que, dende Galicia, nos mostra unha realidade que pode semellar afastada pero que en diante vai estar moito máis preto de nós. E que nos vai axudar a comprendela mellor e a que a sintamos máis próxima. Bo será que nos vaiamos afacendo a esa idea e a esa urxencia.