Grafeno europeo

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira EL MIRADOR DE LA CIENCIA

OPINIÓN

26 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A UE identificou as que considera as seis principais liñas de investigación de futuro. Unha delas estudará o grafeno, unha agrupación de átomos de carbono puro colocados en forma de lámina de só un átomo de espesor. Un material moi lixeiro (¡unha lámina coma un campo de fútbol só pesaría 5 gramos!), centos de veces máis duro que o aceiro e con chamativas propiedades eléctricas, que nos poderían levar a ter ordenadores pregables e de gran potencia. Conscientes de que pode revolucionar as nosas vidas, a UE vai investir 1.000 millóns de euros para sacarlle partido. Á fronte desta investigación colocou a sete científicos, catro deles premios nobel. Entre eses sete magníficos está o español Francisco Guinea, que este xoves recibiu o principal premio da Real Sociedad Española de Física. Guinea é un dos principais expertos do mundo neste material, peza clave no equipo que o descubriu (o de Geim e Novoselov, que gañaron o Nobel por iso), e representa un dos vértices da ciencia española, que afortunadamente está a xerar iniciativas empresariais: a principal empresa produtora de grafeno no mundo está en España.