Hai que intentalo

Celso Currás EXCONSELLEIRO DE EDUCACIÓN (PP)

OPINIÓN

18 oct 2018 . Actualizado a las 10:25 h.

As primeiras leis da democracia conseguiron avances moi importantes na escolarización, democratización do ensino e fomento da igualdade de oportunidades. Fracasaron en resultados académicos e permanencia no sistema; e, sobre todo, na consolidación de hábitos de esforzo e traballo intelectual. Hai case unanimidade en que as leis non deben mudar con cada etapa política ¿Que facer, entón, tendo fracasado un acordo pola educación? ¿Debe asumir un Goberno os datos moi negativos de fracaso e abandono escolares?

Coa Lomce, preténdese mellorar estes resultados. Non vai ser doado, pois falta consenso, e porque a maioría dos atrancos están fóra da aula escolar. Pero débese intentar, por parte de todos os responsables no proceso, procurando atopar unha maior harmonía, antes da aprobación polas Cortes. Hanse revisar aspectos concretos, que aínda non están claros: organización pedagóxica, en primaria, coa desaparición dos ciclos; acceso á FP co título de bacharelato; selectividade; novas funcións do consello escolar, etcétera.

O proxecto de lei ten propostas necesarias para mellorar o sistema. Coa reforma da FP deberá reducirse a taxa de abandono escolar. A comprensividade foi un absoluto fracaso. As coñecidas como reválidas esixirán un repaso e consolidación de competencias e coñecementos. Darase prioridade a materias instrumentais. Sexamos sinceros: rematada a secundaria, ¿teñen adquirido os alumnos una boa formación básica? Por citar só un último exemplo, os centros terán que render contas do seu traballo, a través de avaliacións externas periódicas.

Agora ben, hai unha porcentaxe alta de descoñecemento ou información errónea sobre estas medidas. Ademais, estase centrando o debate en aspectos menos transcendentais da reforma: Educación para a Cidadanía, Relixión, concertación ? Non nos enganemos, o que precisa con urxencia o noso sistema educativo é non seguir confundindo igualdade de oportunidades con igualdade de resultados, saber con aprobar ou autoridade con autoritarismo. Necesita que o alumno adquira hábito de lectura e estudo. Que se convenza de que aprender e obter un título require esforzo e constancia. O principal problema da educación é de valores. E ata agora, nin cartos nin leis conseguiron acadalos.