Primeira marea de setembro

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

08 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

D i a sabedoría popular que neste mes «arden os montes e secan as fontes». Outra versión corrixe un pouco: «Ou secan as fontes ou marchan as pontes», aludindo ao seu aquel un tanto vertolán. Nestas estamos. O mes de setembro anuncia o principio do curso: académico, político, económico. En certa maneira seguímonos a gobernar polo calendario escolar que nos impuxeron na infancia. A saída de agosto, tempo de vacacións, implica a volta ao traballo (¡felices os que poden dicilo!) e ás preocupacións.

Tamén é o mes do regreso dos emigrantes (regreso ás súas ocupacións fóra do país, quero dicir). Onte, nestas mesmas páxinas, o amigo Ramón Pernas titulaba a súa colaboración: «Aló vai?», e evocaba a imaxe dun rapaz novo arrastrando unha maleta nun aeroporto. Estampa triste. O vello andazo de ter que ir buscar a vida alén de nós, castigo que nos persigue coma a cruz dun nazareno. Cando eu era un mozote, en xullo e agosto volvían os emigrantes (de Alemaña, de Suíza, os que traballaban nas plataformas do mar do Norte, ou de Euskadi e de Cataluña) e en setembro despedíanse, os máis afortunados ata o Nadal. Nós volviamos ao colexio. Os nosos pais, ás súas angueiras. Na casa dos embarcados sobre todo quedaba unha sensación de festa rachada, coma quen queima os foguetes do ano, antes de regresar ao tallo, e os tíos do meu amigo Fandiño, que traballaba nunha fábrica en Suíza, ou quizais en Barcelona, non sei, enchían o coche de verzas, pementos, patacas do país, chourizos e augardente da casa, que semellaba aquilo unha despensa ambulante. Son as estampas da memoria.

En setembro empeza o curso académico. Repase o lector o discurso dos reitores o pasado venres: angosturas e carencias. O Consello Superior de Investigacións Científicas ameazado de quebra. E nas cabeceiras dos telexornais o espectáculo obsceno da gran feira da futbolada. Non quero facer demagoxia, pero poucas cousas máis impresentables ca o que está a pasar (e consentimos) neste negocio desvergonzado de dar couces a un balón, presumindo enriba polo mundo adiante de «campionato de estrelas», cos equipos empufados (sociedades anónimas), as contas opacas e as bancadas idiotizadas (embrutecidas) pola manipulación mediática e as emocións primarias. ¿Non hai xuíces, interventores, auditores, políticos ou voces críticas que reclamen responsabilidades? Non interesa.

Escribo esta marea, que quixera ser esperanzada, sen saber aínda o resultado dos Xogos Olímpicos para o ano 2020. Temo o peor. As contas do 92, sumadas aos fastos da Expo de Sevilla, foron unha ruína. Velaí as hemerotecas. Alguén dirá que foron un investimento. En Barcelona tal vez (co gran negocio inmobiliario detrás), mais o espectáculo andaluz resultou patético. Os navegantes portugueses chamaban ao cabo das Tormentas no sur do continente africano, cheo de perigos e incertezas, cabo da Boa Esperanza, paso obrigado (e arriscado) á fartura das Indias. Pero para que haxa esperanza hai que traballala, e actuar con responsabilidade e principios claros, que seica tanto nos faltan.