Un grupo de presión conseguiu que se pense en serio cambia-lo fuso horario español. Débelles dar o mesmo sumir ao país nunha hora máis de noite mentres case toda a xente está aínda desperta.
Apenas se conta que, co cambio, no mes de decembro a zona mediterránea estaría entrando na noite ás catro da tarde (nós, antes das cinco). ¿Apetécelles? O grupo do señor Buqueras quere impoñernos a súa visión a golpe de decreto: apela habilmente a situacións anómalas do sistema laboral para ataca-la nosa relación co Sol, que ten moitas cousas fermosas. A solución non é o fuso: o explotado laboral non vai deixar de traballar 11 horas ao día por cambiar ao horario británico. ¿Que se nos moveu o fuso horario natural en 1942? Certo, pero a España de hoxe non é a de 1942: 70 anos despois o país ten outra vida.
Franceses, belgas e holandeses están na nosa mesma zona horaria, teñen a nosa mesma hora, e non andan con estas paranoias.
Por riba, o sempre polémico tema mestúrase co do cambio de hora verán/inverno, que fan case tódolos países fóra dos trópicos para sintonizarse cun Sol que en Galicia alumea seis horas e media máis no mes de xuño que en decembro.