Cidades de cidadáns, consistorios de alcaldes

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

22 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O presente é diferente do pasado pero ten cousas del que nin lembramos. O de Burgos semella un estourido sorpresivo polo lugar e polo motivo, pero as claves son coñecidas. Dous exemplos cercanos: o escalestric de entrada da autoestrada a Vigo motivo dun longo conflito longo da veciñanza da rúa Pizarro (1976-1985) e a polémica do derrube do edificio Castromil en Compostela (1975) para facer un aparcadoiro nesa praza que aínda hoxe non acadou personalidade. Nos anos setenta e primeiros oitenta, no tránsito da ditadura á democracia, xestouse un amplísimo movemento veciñal que foi escola de democracia, campo de traballo da oposición ao réxime, así como dun debate político sobre o urbanismo do que aínda vivimos. Naqueles barrios do desaprehensivo desenvolvemento franquista a conflitividade polos desastres urbanísticos e as reivindicacións por equipamentos e a prol de barrios saudables creou experiencias e xerou ideas que chegan ata hoxe mesmo sobre como gobernar as cidades.

Daquelas experiencias saíron cadros sociais e políticos e ideas que construíron as nosas cidades dende os gobernos municipais ata hoxe mesmo. Pero o protagonismo das asociacións de veciños construído naqueles conflitos foi minguando e desaparecendo. Aquela sociedade civil veciñal transmutou en comunidades de propietarios ou xestores de actividades festivas, conforme a conflitividade mudaba en boa xestión democrática para a construción de cidades vivibles. Pero chegou despois a apoteose do crecemento -a burbulla- e agora coa crise reaparece o que coñecemos hai trinta anos. Porque a sociedade civil non é soamente a empresarial, como queren facer ver algúns, e porque o alento da transición desapareceu hai tempo tamén para a definición e o goberno das cidades, substituído por novas prácticas especulativas, agora amparadas por consistorios democraticamente elixidos.

En Gamonal reaparece un asunto coñecido, por mor da crise pero non só. A crise visibiliza o que estaba oculto en forma dun conflito aparentemente inédito, pero o problema e seguramente os actores son tan coñecidos como as formas da mobilización. O asunto obriga a pensar. Dende a política semella que ninguén sabe o que está a pasar, máis aló de usalo para xustificar a nova Lei de Seguranza ou facer oposición a destempo. Algúns urbanistas e historiadores poden entendelo mellor. A cidade definida só por políticos e construtoras ponse en cuestión. A cidade definida nas pautas do programa da transición, a de barrios decentes con equipamentos deportivos e sociais, xa está construída. Polo medio nos últimos tempos sempre os aparcadoiros, as concesións e a especulación negociada.

Ata agora había recursos para todo e aparentemente para todos, agora xa non. Os cidadáns cando queren intervir atópanse con alcaldes que falan de resultados electorais en vez de falar con eles de problemas, solucións e uso dos orzamentos. Os que se manifestan en Gamonal tamén votaron ao PP, evidentemente.