Os pinos de Pondal

OPINIÓN

20 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

E n artigo recente (La Voz, 17 dos correntes), Francisco Vázquez cre situar o pensamento de Pondal a partir dunha carta enviada a Pascual Veiga e da que afirma que «obra en mi poder». Na realidade, esta carta pertence ao fondo documental e legado do escritor que custodia a Real Academia Galega e que, no seu día, desenterrou, descifrou e publicou o profesor Manuel Ferreiro, catedrático da UDC e máximo especialista no escritor a quen debemos a letra do noso Himno. O ex alcalde da Coruña terá -como podemos ter calquera de nós- unha copia, pois a ninguén se lle ocorre furtar un documento de tal importancia, en infracción directa do sétimo mandamento. Ora, a tal carta non ten nada de novidade: foi publicada polo profesor citado en 1996 (xa choveu!) no seu volume De Breogán aos Pinos (ed. Laiovento), como o foran xa, en 1991, outras 221 cartas en Pondal: do dandysmo á loucura ou, aínda, en 2007, na 4.ª edición do primeiro libro que citamos. Unha outra cousa é cando a coñeceu o citado articulista ou cando a quer utilizar para nos ilustrar sobre a ideoloxía do escritor do XIX. Algunhas precisións se impoñen, mesmo coa brevidade dun artigo.

Se o escritor bergantiñán escrebe «Puente-Ceso» nunha carta en español (Ponteceso sempre na súa poesía galega) é mesmamente pola denominación oficial na lingua imposta, a oficial do Estado, que perverteu e desfigurou a toponimia galega. As acesas declaracións españolistas que realiza (a venda antes da ferida) enmárcanse no clima de españolización (1890) que recrúa na Restauración e aumenta exponencialmente a febleza e o temor dos rexionalistas galegos da altura, arrecantados e reducidos a un fato de estrafalarios. As contradicións entre o patriotismo galego e os dogmas impostos desde o Estado saltan á vista. O medo ao mobbing sofrido por Rosalía de Castro («Probe Galicia, non debes / chamarte nunca española, /c ando España de ti se olvida / cando eres, ¡ai!, tan hermosa. / Cal si na infamia naceras, / torpe, de ti se avergonza, / i a nai que un fillo despresa / nai sin corasón se noma», 1863) está aínda moi presente nos seus amigos e devotos. A maiores, a Galiza ía ter un Himno con letra (as catro primeiras estrofas do poema Os pinos) moito antes de que se compuxese unha para a Marcha Real española (foi Marquina o autor da primeira, en 1927).

Non deixa de ter graza que o adaíl, durante 23 anos como alcalde da Coruña, da exclusión pura e dura da lingua galega dos usos municipais, da imposición do nome da cidade castelanizado (mesmo após leis de 1983, 1988 e 1998) e do desdén sistemático para coa cultura galega nos informe agora do sentido da obra de Pondal, o Pondal que nos anima a non esquecer da inxuria o rudo encono no espléndido Himno que nos legou. Laus Deo!

María Pilar García Negro é Profesora da UDC e escritora.