Hispanorum Rex

OPINIÓN

04 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Toda a miña educación cívica e democrática, na República Arxentina, estivo orientada polos valores da respublica. Tocoume, no canto da listaxe dos reis godos, memorizar o preámbulo da constitución que, curiosamente, non inclúe a palabra. Si está no primeiro artigo: «representativa, republicana y federal». De pibe admirei a Mariano Moreno, alma da Revolución de Maio, logo secretario da Primera Junta de Gobierno (da que case sempre se omite «para la Reafirmación de los derechos Soberanos del Rey Fernando VII»). Avogado, masón e xacobino, cando soubo que o presidente, Cornelio Saavedra, aceptara unha coroa de azucre ofrecida nun banquete por un militar borrachín, Atanasio Duarte, brindando «por el primer rey y emperador de América, Don Cornelio I», redactou un decreto, obrigándollo a asinar a Saavedra, no que dicía: «a ningún ciudadano de Buenos Aires, ni ebrio ni dormido, se le permitirá expresarse contra la libertad». Moreno morreu camiño de Europa, en alta mar, por unha sobredose de purgante. Disque foi cousa de D. Cornelio. Tamén chorei pola República española pouco antes de marchar de Baires, no cine, vendo Morir en Madrid. O meu amigo Enrique Líster, que sae na peli como o que foi, un heroe, contoume intimidades republicanas. Escadasí, levo case 40 anos vivindo nesta monarquía e confeso que, o 23 de febreiro de 1981, animado por Xavier Costa Clavell, aplaudín ao rei no café Derby, en Compostela. Así e todo, a abdicación colleume na horta, literalmente sachando. Non creo que hoxe moitos progresistas ergan a copa por Felipe VI. A súa coroa non será de azucre, como a de D. Cornelio. Se acerta a xogar a rei das Hespañas, tardará algo máis en derretérselle.